Opinión

Medio rural, medio vital

Tal foi o lema dunha campaña desenvolvida pola Consellaría do Medio Rural, cando era “alguén”. Compárese coa última, que tivo que retirar o actual governo galego por estar a empregar a institución para facer campaña electoral, “o rural é moito”. Para alén desa circunstancia deplorábel, a forma e o fundo das dúas son ben diferentes, mesmo antitéticas. A segunda preséntanos unha estratexia propagandística de maquillaxe da realidade, através dun lema frívolo e insubstancial. Como as mesmas non-políticas que teñen para o noso rural, ao que deixan morrer de morte matada. Polo contrario, a primeira presentaba un carácter propositivo, de políticas activas que poñían a énfase no seu carácter indiscutibelmente fundamental, indispensábel para o país e para as persoas que nel habitan. E é que as políticas para o medio rural falan moito de quen cre na Galiza e no seu desenvolvemento autocentrado e sustentábel e de quen non.

Que no rural dun país se encontra a despensa da súa poboación é unha afirmación ben obvia, por máis que nestes tempos de globalización o obvio virase irracional. Que a nosa nación ten unhas condicións soberbas para a produción de alimentos e de madeira é unha verdade incontestábel, embora esteamos importando moitos produtos que nos tamén producimos, vindos de lugares ben afastados. Enfín, que non hai dúbida de que falamos dun sector chave, estratéxico para o desenvolvemento harmónico dunha sociedade e de que un goberno debe potencialo e mesmo mimalo, como o fan moitos países. No entanto, o noso actual levouno a unha situación límite de desmantelamento e desvalorización.

E nisto chega unha pandemia, de súpeto, mais porén xa anunciada, e mostra o sistema nu. Pon en evidencia a insubstentabilidade do chamado crecemento económico, ese que fai máis ricos aos poderosos e máis pobres ao común da cidadanía a custa de grandes estragos ambientais. E descobre que a deslocalización da produción deixa os países indefensos para lle facer frente. E torna patente que, a pesar de todo, a despensa segue aí e evita males maiores. E pon á vista que as ameazas e fraquezas que pairan sobre o medio rural se poden converter en oportunidades e fortalezas. Para garantir a soberanía alimentar. Para segurar unha alimentación saudábel. Para desenvolver unha economía produtiva respeitosa co ambiente, con actuacións públicas que viabilicen servizos de calidade. Para facer do medio rural un medio vital.

Comentarios