luns 01/03/21

Magoante desmemoria

Aínda que xa nos teñen afeitos, arrepía a desvergonza con que os nosos gobernantes fan alarde da súa desmemoria, día após día, ano após ano, na súa mellor tradición histórica. Observalo nos de fóra alporiza, pola súa perseveranza e desprezo. Mais cando estamos a falar da nosa xente, magoa e indigna, pola súa insensibilidade, servilismo e submisión aos intereses foráneos.

En 2017, o nacionalismo galego, de maos dadas cos colectivos da memoria histórica, impulsou decididamente unha campaña institucional, mais tamén social e cidadá, para forzar a devolución inmediata do Pazo de Meirás ao pobo galego. Na Deputación da Coruña, a súa vice-presidenta, Goretti Sanmartín, abandeira a creación da Xunta pola devolución do Pazo, verdadeiro motor para conseguir o obxectivo. A Fundación Galiza Sempre dá ao prelo o libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, da autoría do historiador e perito Manuel Pérez Lorenzo e do investigador Carlos Babío, obra que constituíu a proba principal do proceso xudicial. En Bruxelas, a representante nacionalista no Parlamento Europeu, Ana Miranda, traballa arreo para internacionalizar o proceso e exercer a presión necesaria ao Estado español para que actúe decididamente. Tamén no mesmo ano, os 19 de Meirás –aínda á espera de seren xulgados con peticións de 13 anos de cárcere e medio millón de euros de multa– protagonizan unha acción reivindicativa, desde o interior do Pazo, pendurando faixas que pedían a súa devolución ao pobo.

Mentres, tamén en 2017, o governo central resistíase a actuar ao tempo que o PP e Feixó votaban en contra da devolución da propiedade, e o Presidente negaba que en Meirás se fixese apoloxía do fascismo, cando a propria Fundación Francisco Franco, organizadora das visitas guiadas ao BIC, declaraba que se realizaban para mostrar “a grandeza de Franco” e xustificaba a represión e os asasinatos do réxime franquista. Tres anos despois, e xa tras a vitoria xudicial, PSOE e PP, a través dos seus representantes gobernativos, sentan nunha mesa onde se obvia as verdadeiras protagonistas desta historia e a segunda motivación da súa loita, Meirás se converter nun lugar para reivindicar a memoria histórica galega, a da loita contra unha ditadura que reprimiu e asasinou milleiros de demócratas. E a da que propiciou, e conseguiu, a recuperación do Pazo. A pesar de que o goberno do noso país, a nos contristar e contundir, persista na desmemoria

comentarios