Opinión

Madrid como oportunidade

Levamos xa varios meses aturando a invasión político-mediática española sobre as eleicións madrilenas, servidas e amplificadas aquí tamén polas delegacións imperiais. Como se nos fose a vida en danzar e nos integrar nese rodopío lamacento e tóxico, que ten moito de comedia bufa, mesmo que para nós se asemelle máis a unha traxedia. Ao tempo que aló teñen por grande preocupación poderen asistir ao vivo aos espectáculos de desapiadada tortura que representan as touradas, o noso vello da lámina, centrado nas nosas verdadeiras preocupacións, continúa a pensar na verdadeira utilidade dos bois, se ben que agora xa non aren. Mentres, a nosa vaca continúa a ter o comedoiro aquí e os tetos en Madrid.

É ben comprensíbel a preocupación que nos provoca tamén a nós, pola conta que nos ten, que alá se consolide un goberno de extrema direita, cun indiscutíbel feitío imperial neo-fascista. Ben sabemos o que iso significa para o noso país, para os nosos intereses, para a nosa xente. Porén, cumpre non esquecermos que eles falan sen complexos o que outros calan, mais non emendan, ou falan coa lingua pequena, sobre a continuidade do entarimado monárquico-constitucional en que virou o réxime franquista. E, como di o outro, aos feitos presentes nos remitimos. 

Os seus supremos intereses son compartillados e dogmáticos, como dia após día nos demostran, quer na represión policial e persecución política e xudicial contra o independentismo catalán quer nos vetos a pura e simplesmente poder debater e coñecermos, con luz e taquígrafos, o pozo negro da corrupción monárquica. Como pano de fundo, os privilexios, e a súa preservación, da oligarquía española, nunca disposta a soltar os tetos da vaca allea. 

Contodo, as consecuencias presentes para o noso país son tan obscenas que son difíciles de agachar. Pode que algunha delas, signo inequívoco do  submetimento, como é o da situación do noso idioma, non faga saltar todas as alarmas a boa parte da nosa poboación. Porén, agora élles moi complicado ocultar un segredo a voces: pode tamén que o noso pobo aínda non enxergue dun ponto de vista teórico o deseño da dominación colonial mais, ao se agravar en forma de espolio constante, parece que comeza a ver claramente as súas consecuencias e actuar, mesmo en termos eleitorais. Grande oportunidade para continuar a facer boa pedagoxía política, tamén desvelando a traxedia que para nós se oculta por tras da comedia bufa de Madrid.

Comentarios