luns 01/03/21

Louise Glück, os Premios Nobel e Nós

Á espera de que a candidatura máis ecoada da literatura galega se poida concretizar nalgunha das súa edicións e que os Premios Nobel da Literatura ollen tamén para culturas que levan séculos achegando unha voz xenuína e universal como a nosa, as apostas deste ano voltaron fallar e, o relativamente descoñecido nome, fóra das súas fronteiras, da estadounidense Louise Glück abriuse paso, “pola súa inconfundíbel voz poética”, unha das máis celebradas do país. Ela propia non tiña moitas esperanzas: “Pensei que as miñas posibilidades eran moi baixas, e iso estaba ben, porque atesouro a miña vida diaria e as miñas amizades, e non quería que as miñas amizades se complicasen, e non quería que a miña vida diaria se sacrificase”. E, cando de Estocolmo se subliñaba que a poeta “cunha beleza austera fai universal a existencia individual”, a un véuselle de súpeto ao maxín a metáfora do mundo que, con forza de intensidade telúrica, deseñan as personaxes de Arraianos, como a da “Adosinda horrorizada” de Méndez Ferrín. Mais tamén toda esa potencia poética que con voz anovada de muller caracteriza a poesía galega actual, a beber nas súas clásicas e contemporáneas, con vontade decidida de rachar co canon tradicional e patriarcal.

A escolla da poeta neoiorquina chega após os escándalos dos últimos anos en torno dos premios. O ano pasado outorgáraselle a Peter Handke, autor de romances, teatro e poesía austríaco, negacionista do xenocidio nos Balcáns e apoiante de Milosevic. E hai dous anos tivo que se adiar por causa do escándalo sexual protagonizado polo home dunha das integrantes da Academia Sueca, que acabou no cárcere acusado de violación e de filtrar os nomes dos galardoados. Os acontecementos viñan a coroar unha constante de críticas acumuladas sobre uns premios a miúdo considerados eurocéntricos e masculinos de máis. De facto, Glück é a primeira poeta que o gaña desde 1996, quen xa tiña gañado o premio Pulitzer en 1993. A súa é unha voz moi inspirada nas figuras mitolóxicas clásicas, que revisita para tratar de temas tan universais e actuais como o isolamento, as relacións mai-filla, o sufrimento, o avellentamento ou a morte, sen concesións ao presentismo, mais en constante experimentación. Ela propia ten cualificado a súa escrita como “un tormento, un lugar de sufrimento desgarrador”, que moi probabelmente experimentou en carne propia cando, de adolescente, tivo que loitar contra a anorexia.

comentarios