Opinión

As (e)leicións da Cataluña

Os resultados das eleicións catalás de onte representan unha grande vitoria da causa soberanista e independentista que, pola primeira vez, ultrapasa 50% dos votos, e avanza de 70 para 74 cadeiras no Parlament. Unha maioría absoluta que chega depois do unionismo, coas súas diferentes faces e aparatos de Estado, iniciar unha verdadeira ofensiva por terra, mar e ar contra a causa da nación catalá e os seus desexos naturais e democráticos de autodeterminación. De nada valeron –ou talvez demais– querer anular unha votación democrática cos aporreamentos, a represión, o xuízo-farsa, o exilio e a prisión, a extorsión económica, o a por ellos sancionado e proclamado polo Borbón, ou o recusarse a adiar as eleicións por causa da pandemia, para non trabar o “efecto Illa”. Sodes uns imperialistas fracasados, ecoan no Principat as palabras do Guieiro.

As nacións, axuntamentos do xénero humano en torno dun territorio, unha xeografía, unha cultura e unha idiosincrasia comúns representan na esfera sociopolítica o estado natural das cousas. Antiteticamente, o colonialismo, o unionismo ou o imperialismo significan unha violación dese estado natural, unha imposición violenta contra esa orde, que raramente na historia conseguiu extinguir esas forzas naturais. É verdade que teñen erguido grandes diques, aparentemente infranqueábeis, grandes ocupacións que poden parecer definitivas. Porén, a forza do natural sempre acaba por se recuperar, ou nunca se chega a anular, sexa na Galiza, na Cataluña, na Escocia, no Saara, no Curdistán e en todas as nacións do mundo que anseian pola súa autodeterminación.

Galiza, embora apresente diferenzas substanciais marcadas pola súa historia recente, e cunha conformación social e política máis complexa, partilla coa Cataluña e o País Basco a aspiración de exercer os seu plenos direitos políticos colectivos e, portanto, a súa autodeterminación. Obviamente, o resultado de onte é unha nova progresión do soberanismo no Estado español, que se xunta á tamén contundente maioría absoluta do nacionalismo basco e ao espetacular avanzo e confirmación do nacionalismo galego como alternativa e esperanza de futuro. Embora sexa verdade que a españolización se intensificou nos últimos tempos, o soberanismo avanza imparábel e, como resultado, as nacións ábrense paso, como as ondas que recuperan os seus espazos naturais, e o réxime monárquico corrupto español, a España imposíbel, cambalea.

Comentarios