Opinión

Guerras imperiais

A de Putin é unha guerra imperial. Como as dos USA, Israel ou a Arabia Saudita. . Miserábel, ignominiosa e ruín.

Non hai guerra boa, nen agresor nobre. Todos eles infames. A primeira supón, tamén literalmente, bombardear a palabra, o diálogo, a intelixencia. Dinamitar o que de humano hai en nós por parte de quen pretende impor a súa vontade a custa de inúmeras vidas humanas inocentes. Verdadeiros asasinos institucionalizados, indignos de facer parte da comunidade internacional, pois violan os seus principios fundamentais. Os direitos humanos. Os direitos dos pobos. A vida. A liberdade. A seguridade. A dignidade. A fraternidade. O respeito pola identidade nacional e cultural. A paz.  A autodeterminación política. Os direitos económicos. A cultura. O direito ao medio natural e aos propios recursos. Cómpre lembralos, un por un, todos eses direitos universais das persoas e dos pobos. Todos eles masacrados, violados, vulnerados, esnaquizados. Especiñados. Por esta guerra, por todas as guerras de agresión. Se xa se vulneran en tempos de paz e democracia formal, como non vai acontecer nos de guerra.

A de Putin é unha guerra imperial. Como as dos USA, Israel ou a Arabia Saudita. Miserábel, ignominiosa e ruín. Sen dúbida. Quen viola a soberanía nacional dos pobos é un imperialista. Quer na Ucraína quer na Palestina quer na Serbia, no Afeganistán, na Chechenia, no Iraque, no Panamá, no Iemen, no Curdistán ou na Libia. As mesmas motivacións, os mesmos métodos, os mesmos resultados.

Sangra a Ucraína, como xa sangraba o Donbás con trece mil mortos e trinta mil feridos ás costas. Mais non só. Sangra o Iemen, cos bombardeamentos da Arabia Saudita, deixando unha estela de xa máis de sesenta mil vítimas mortais, trinta mil deles no pasado ano. Continúa a se desangrar a Birmania, o Afeganistán e o Paquistán. A Etiopía, a Eritrea e o Sudán. A Nixeria, o Camerún, o Níxer e o Chad. A Siria. A Somalia e a Quenia. O Malí. A Palestina, tamén cercada e asediada.

E así unha longa listaxe de agresións, invasións, guerras e conflitos activos a día de hoxe. Por volta dos 50. Con milleiros e milleiros de vidas humanas segadas. De hospitais escachados. De escolas destruídas. De bairros populares arrasados. De civís masacrados. Xa o tiñamos esquecido. Esquecidas as imaxes de fileiras e fileiras de persoas despexadas dos seus fogares, a vagar polo mundo fóra, a maioría das veces sen rumo fixo. Sen a solidariedade europea que agora aboia. Como se non fosen seres humanos. A pesar das declaracións formalmente antirracistas da Europa liberal. Mortas no deserto, no Mediterráneo. Sen esperanza. Sen mans amigas.

Si, Kíiv e Mariúpol nas meniñas dos nosos ollos. Como Sabra e Shatila. Como Alepo ou Saraxevo. Como Cabul e Bagdad, e tantas outras. Homes, mulleres, nenos. Sangue do noso sangue. Vítimas da intolerancia e a imposición. De quen non atende as razóns ou, tan sequer, as palabras. Coa ensinanza de que a guerra e as armas queren sangue e máis guerra. A dos señores, imperialistas, da guerra.

Comentarios