Opinión

A Galiza minguante

A xulgar polas cifras do crecimento vexetativo, as piores do histórico, e a constante mingua da súa poboación, Galiza está a desaparecer. Aos poucos mais sen se deter. En extinción. En 2020 cuns índices de natalidade de 5’62% e de fecundidade de 1’02% , por baixo da Italia, estado do mundo que se situou tamén ese ano como último da fila (6’80 e 1’27% neses índices, respectivamente). E tamén por baixo do Estado español (7’15 e 1’18%) e de Portugal (8’20 e 1’43%). Frías cifras que resumen o alarmante panorama: morren moitas máis persoas do que nacen bebés, a mocidade emigra e, en definitiva, a pirámide de poboación invértese. Só unha boa nova, que nos sitúa na cima do ranking mundial, a da esperanza de vida ao nacer (83’34 de media, 86’21 para as mulleres). Que algunhas mentes desalmadas interpretan como má, ao sinalar para o índice de avellentamento, cando os estados que encabezan esa listaxe fano tamén nas de máis altos índices mundiais de felicidade, de desenvolvemento humano, de paz ou de progreso social (Islandia, Finlandia, Dinamarca...).

Aínda que xa a estas alturas nen as cidades nen a faixa atlántica conseguen deter o devalo demográfico, é na Galiza interior onde se está a producir o grande cataclismo, sen perspectivas de mudanza para mellor. Mentres, as esperadas solucións continúan a durmir o sono dos xustos. Receitas máxicas con resultados inmediatos? Certamente non existen, sobre todo cando a descida está tan avanzada. No entanto, o grave problema xa non é que non se tenten pór en práctica, mais que o continuísmo nas estratexias fracasadas segue a campar ás súas anchas. E que moitas das políticas gobernamentais, actuais e previstas, van mesmo na dirección contraria: o corte nos servizos públicos, a falta de políticas pro activas para o medio rural, o deseño dunha Galiza exportadora dos seus recursos naturais, sen retorno económico para si propia, e do seu capital humano máis cualificado. Ao par diso, máis eliminación de escolas rurais ou do persoal e equipamentos da saúde, carencia de investimentos básicos nas tecnoloxías da información e da comunicación, eliminación de explotacións agrogandeiras e das pescas afectadas polos megaproxectos eólicos, falta de perspectiva para mozos e mozas que, no mellor dos casos, teñen que se instalar en vilas e cidades da faixa occidental. Así, non hai medidas, baseadas tan só en axudas directas claramente insuficientes, que vallan.

Comentarios