Opinión

Francisco na mira

En canto a Europa blinda a súa fortaleza, con gastos milionarios que engordan aínda máis a industria armamentista, o papa Francisco voltou a denunciar, agora novamente no lugar dos feitos, as condicións en que se encontran as persoas refuxiadas, ben como toda a abordaxe das políticas migratorias europeas. As que, nas súas proprias palabras, están a converter o Mediterráneo nun “cemiterio frío sen lápides”, un “naufraxio da civilización”, “un ‘mare nostrum’ num ‘mare mortuum’. As que están a tornar as illas orientais gregas nun imenso cárcere ao ar libre, con campos fechados, onde se impede a liberdade de movimentos, cercados por concertinas de arame farpado. As que levan pagado, con diñeiro de todas e todos nós, máis de 6.000 millóns de euros a reximes despóticos e antidemocráticos como o da Turquía, en canto aos portavoces da Unión Europea se lles enche a boca ao falar de direitos humanos.

Estes e outros posicionamentos do Papa nalgúns asuntos sociais, mais tamén en política internacional ou mesmo, e surpreendentemente, sobre o proprio Vaticano –que, segundo el “hai que ir limpando”, posto que nel tamén existen “mercaderes”- teñen desconcertadas as elites políticas e económicas conservadoras, afeitas a Roma revalidar sempre os seus posicionamentos. E non só, porque dentro da Igrexa Católica tamén hai fogo amigo. Como a dun grupo de cardeais que se manifestou publicamente e acusou o pontífice de causar confusión en relación a asuntos chave para a súa fe, como o de abrir portas a persoas católicas divorciadas. Quizá, como resposta, Bergoglio iniciou o que parez unha cruzada contra a corrupción e os privilexios da cúpula da súa Igrexa. Para a primeira, estabelecendo unha lei de ‘ficha limpa’ no Vaticano, que inclúe a proibición de posuír bens en paraísos fiscais. E para o segundo, abolindo o artigo segundo o cal cardeais e bispos acusados de delitos penais puidesen recorrer a un tribunal de casación de que formaban parte tres cardeais.

O españolismo máis recalcitrante tamén aponta na mira para o Papa, por pór en causa a rapina das terras americanas nunha carta, ben suave, con motivo do bicentenario da independencia do México. Os ataques das direitas españolas, desde Abascal até Casado, pasando por Aznar e Díaz Ayuso, ficaron resumidos no artigo do director do La Razón: “Un papa antiespañol”. Mentres, Francisco teima en vir a Santiago “mais non a España, que fique claro”. Clariño.

Comentarios