Opinión

Fame, fartura e esbaldimento

A memoria das experiencias negativas do pasado é sempre bastante fráxil e, con certeza, diso depende que o ser humano poida continuar a camiñar cara á frente, a pesar de todas as adversidades. “Por máis duro o serviço, que a terra peça da gente, eu não sei porque feitiço, temos sempre novo alento”, di o cantor Miguel Araújo n’As festas da Romaria de Santa Eufemia, interpretada conxuntamente con António Zambujo. Porque, apesar de todo, a vida é bela. Mesmo para quen, unha grande parte da humanidade, as espiñas sexan ben máis abondosas do que as rosas.

Na memoria popular, sobre todo na das persoas de máis idade, a lembranza dos tempos da escaseza e da fame na Galiza está aínda viva. A proliferación de festexos gastronómicos espallados por toda a nosa xeografía tense interpretado como un desquite de fartura, da “nosa fame doutrora”, que cantaran tamén os Fuxan os Ventos en Muller, con letra de Marica Docampo. E quen máis que Rosalía para recoller esa realidade que azouta as clases populares, ligada á mingua ou ao estrago das colleitas, e cunha consecuencia directa, a da emigración: “Foi a Páscoa enxoita, chovéu en San Xoán, a Galicia a fame logo chegará.// Con malenconía miran para o mar os que noutras terras tén que buscar pan”; “meus fillos..., meus anxos!..., que tanto eu quería, morreron, morreron, ca fame que tiñan!; “O forno está sin pan, o lar sin leña”. Entretanto, nos Pazos da Pardo Bazán o xantar gargantuesco estaba composto por vinte e seis pratos.

Fraca memoria, sen dúbida. E reviravolta, cunha nova desforra. A do esbaldimento de alimentos que crece ano após ano, chegando a case 4’5 en cada 10 quilos no caso das frutas e verduras, 3 e 2 respectivamente no caso de cereais e carne, como alerta a ONU. Cuns danos colaterais ben letais: esa perda de alimentos é responsábel por entre 8 e 10 por cento de todas as emisións de efeito estufa que produz o ser humano.

Entrementres, tamén segundo a ONU, o aumento da fame non mostra sinais de diminuír, cunha estimación no final de 2020 de 270 millóns de persoas con “inseguranza alimentar aguda” devido ao COVID-19, o que significa un aumento de 82 por cento en comparación coas cifras de antes do inicio da pandemia. A estas cifras arrepiantes ha que lles engadir as de 690 millóns de persoas subnutridas, un aumento de perto de 60 millóns desde 2014. Números estarrecedores, que se suman a outras verdades incómodas. Mas que cumpre non esquecermos.

Comentarios