luns 01/03/21

O enfoque galeguista para a lingua

Celebramos estes días o centenario do grande fito da cultura e toma de consciencia da identidade galega, o nacimento da revista Nós. Con ela abriuse un camiño, que hoxe ten feliz continuidade neste xornal, para facer da Galiza o centro do que ollarmos, pensarmos e comprendermos o noso lugar no mundo. Desde o seu número 1, con cuxa edición facsímile nos obsequiou o Nós Diario, non houbo idea, creación ou análise universal con centro de gravidade no país que non teña pasado polas súas páxinas. A Galiza como célula de universalidade e o seu, o noso idioma, como o seu ADN. A lingua, o seu pasado, o seu presente e o seu futuro. E, precisamente, a primeira contribución que aparece nese primeiro número, tras das “primeiras verbas”, é xa toda unha declaración de intencións en relación ao idioma e á cultura de nós: o poema “Fala do sol”, do portugués Teixeira de Pascoaes “aos jovens poetas galegos”, contributo depois asinalado nesas mesmas páxinas no artigo “Portugal e Galizia”, coa proclamación do “valor universal celto-atlántico da cultura galaico lusitana”.

A abordaxe galego-portuguesa para a lingua, “que floresce en Portugal”, como forma de corrixir o “desenfoque” galego-castellano, parafraseando Carvalho Calero, ten sido unha constante no galeguismo cultural e no nacionalismo político desde os seus primordios do Rexurdimento no século XIX até a actualidade. “Nunca, nunca, nunca, pagaremos ôs nosos hirmáns de Portugal [...] qu’haxan feito d’o noso gallego, un idioma nacional”, dixo Manuel Murguía no seu famoso discurso dos Xogos Frorais de Tui, en 1891. “Vedes facer outro tanto / ós poetas e escritores / de Portugal, sendo a mesma / vosa língoa e o voso corte?”, cantaba Antonio d’a Iglesia González no poema “Ortografía Gallega” publicado n’O Tio Marcos d’a Portela en xuño de 1888. A abordaxe da converxencia lingüística continuou depois presente nas páxinas do A Nosa Terra, nacido en 1916, en que pola sección “Letras irmás” desfilaron innúmeros textos de autoría portuguesa e tamén galega, muitos deles apelando ao reencontro. Enfin, desde eses primeiros momentos a causa da reunificación ortográfica estivo tamén presente, como o atesta o artigo de Johan Viqueira, “Po-la reforma ortográfica”, en 1919. E así, un tras doutro, até os días de hoxe. Sen a “independencia cultural” da Galiza ter estado ou estar en causa na abordaxe galego-portuguesa do galeguismo cultural e do nacionalismo político.

comentarios