Opinión

Ence como metáfora

Nestes días atrás producíronse dúas alarmantes noticias relacionadas co complexo industrial da Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra. As dúas desacougantes e desafiantes, propias dunha industria de enclave que se cre por riba das leis, tan afeita á protección da andamiaxe político-económica que danza en torno ao rodopío das portas xiratorias. E, como non, moi logo de aconteceren os feitos, o gobernador do protectorado apresábase en sede parlamentar a dar apoio á empresa.

A primeira das novas ten a ver cunhas declaracións do presidente da Ence en que se daba a entender que nas actuais instalacións da factoría de Lourizán se está a dar unha situación de perigo ambiental grave, con serias consecuencias para a saúde da poboación, “un susto maiúsculo”, mais que non se ían facer os investimentos necesarios para o remediar. Polos vistos, esas declaracións forman parte dunha estratexia da pasteira para chantaxear un secretario de estado do Goberno español: se non se modifican os textos legais e non hai prórroga da concesión tras 2023, non se corrixirán os graves defectos que apresenta a caldeira de recuperación, aínda que for a costa de pór en risco o medio ambiente, a poboación da bisbarra e a propria vida das e dos traballadores.

A segunda noticia, a da violencia contra o Goberno local de Pontevedra, coa ocupación das dependencias municipais e o intento de agresión ao alcalde, precedidas pola arenga do voceiro municipal do Partido Popular, está claramente ligada coa primeira. Tanto pola secuencia temporal como pola intencionalidade da chantaxe de quen se cre por riba das leis e dos dereitos ambientais e da saúde. Ilustrouno cunha bravata desafiante, unha ameaza e intimidación arrogantes, levadas a cabo por un grupo de traballadores, ben aguilloados polo alto directivo da empresa a través dunha videoconferencia onde se produciron as presuntas delituosas declaracións.

Chove sobre mollado. A instalación da Celulosa de Pontevedra é triste metáfora da concepción colonial da economía e da política, que da man da ditadura fascista arrasou coa riqueza marisqueira da ría, expulsou aos e, sobre todo, ás súas usufutuarias lexítimas, poluiu e degradou o medio ambiente, foi ponta de lanza da eucaliptización do país e, enfin, pensou que a oposición veciñal e política eran un lixo nun ollo. Mais erraron nese cálculo, e hoxe esa oposición virou maioritaria e institucional. Nunca choveu que non escampase.

Comentarios