Opinión

En más compañías

As persoas, na nosa vida privada, escollemos as amizades en función de diferentes variábeis. É lóxico e esperábel procurarmos xente con quen partillarmos, sobre todo, unha mesma visión do mundo, uns mesmos ideais. Contodo, tamén hai casos en que nos ligan vencellos de amizade con quen compartillamos momentos de lecer e, no entanto, estarmos nas antípodas nas posicións políticas, quer no sentido máis amplo quer no máis partidista.

Neste último ámbito, as persoas que representan a cidadanía tanto en posicións de goberno como de oposición teñen tamén o seu direito a facer escolla de compañías para andar de folga e xoldra conxunta, ben con paseos por Ibiza, Canarias, os Picos de Europa ou Portugal, ben con festas e fins de semana na Illa da Arousa ou Baiona, cos Marciales de turno. Até aquí todo ben. O mau é que, se esas amizades son narcotraficantes condenados por ese motivo e mais polo de branqueamento de capitais e subornos, a cousa muda moito. E por riba, se as ligazóns deses dous mundos xa veñen de vello, o asunto é de escándalo. Por moito que o político diga que non lle teña restado votos. Ou precisamente tamén por esa falta de toda ética política.

Claro que á ética non é o ponto forte do noso vice-rei, mais o máis fraco. A ética que se lle debe pedir a un gobernante á hora de mirar polo ben público e o benestar do seu país e da súa cidadanía. A ética que non ten cando escolle as súas amizades para pór en venta, e con grandes saldos, os nosos recursos, os nosos intereses, os nosos bens públicos. Como cando regala aos seus amiguiños, sexan Josefinas ou Benignos, os coidados da nosa xente máis vulnerábel, para faceren negocio a conta de lles escatimaren persoal, materiais e medios básicos. Ou cando perpetúa, para satisfacción dos seus Ignacios de turno, a expropiación forzosa das nosas fontes de enerxía coa agravante de se negar a reivindicar unha tarifa galega como ruín compensación. Ou cando se retrata, de mans dadas, cos Méndez e Gayosos para empacar os nosos aforros das nosas caixas nun caixón, e polos a disposición dos seus Escotets a prezo de ganga.

“Ás amizades certas, portas abertas”, recolle un proverbio do noso repertorio popular. Abofé que a esas amizades que inzan no seu álbum de fotos llas abriu, de par en par, para deixar e, contribuír activa e indolentemente, saquearen a nosa casa, esa “Galiza, Galiza, Galiza” que el invoca de forma cínica, hipócrita e descarada.

Comentarios