mércores 05/05/21

Efeitos indirectos

Poucos acontecimentos teñen mudado de forma tan súbita, intensa e transversal a vida de todo o noso planeta como a pandemia que estamos a sofrer. O que nos seus comezos parecía un andazo localizado na afastada China axiña se instalou nas nosas vidas, até o ponto de chegarmos a normalizalo, a integralo no cotián, e mesmo a asumir como costumeira o parte de guerra diario, morte após morte. Ou a integrar definitivamente na paisaxe do común unha sociedade inteiramente mascarada que outrora facía chacota dos orientais que a levaban durante outras epidemias. Mais existen tamén outros efeitos indirectos que se foron instalando nas nosas vidas, na nosa cotidianidade, case sempre para mal.

Atrás parecen ficar os momentos en que, nas solleiras tardes primaverais do confinamento, as rúas, os parques, os camiños se enchían de miúdos e graúdos a pasear, correr, saltar, estirarse ou pedalar. Parecía como se daquela parálise xurdira unha nova actitude frente á vida. Mais foi todo unha miraxe. As estatísticas parecen indicar que o andazo do sedentarismo e a inactividade física que xa arrastábamos mesmo se incrementou. Para milleiros de persoas, o confinamento, quer parcial quer total, supón horas e horas de estar sentados, sen practicamente poder saír a camiñar, diante das pantallas, sexan de televisión, dispositivos móbiles ou computadores. O telebraballo, cuxas excelencias o sistema nos inocula e mansamente aceitamos, non fai máis que aumentar esa inactividade física enferruxante, con todas as letais consecuencias que acarreta. E non, a crise de sedentarismo non é un ataque repentino de preguiza. Débese á queda en picado da actividade, de integrar o movimento como parte da vida diaria, agora tan agravado.

E non hai dúas sen tres nin mens sana sen corpore sano. O chamado burnout pandémico tamén avanza e mesmo se agrava con respeito ao primeiro confinamento, cando a esperanza dun pronto regreso á normalidade, esa nova normalidade que nos venderon, axudaba a ver a situación con optimismo, a pesar do número de vidas humanas que se cobraban día após día. Agora, o estrés que xera a situación, din os especialistas, estase a converter en crónico e, ao ver que a pandemia non se atalla e non se enxerga o seu fin, sentímonos cada vez máis esgotadas emocionalmente, e mesmo irritábeis e desesperadas. Razóns de máis para lle facer frente de vez á pandemia, e non nos faceren transitar por atallos intermitentes.

comentarios