Opinión

Dire Straits, Amaral, Sabina

Para non incomodar os e as súas respectivas fans, non vou dicer que sexa unha má escolla pois, como é sabido, o que sería do azul se todos gostasen do amarelo? Mesmo eu incluiría nunha listaxe de reprodución ampla algúns temas da banda británica, o Sultans of Swing, quizá, ben como da aragonesa -con ese seu ponto punk-rock-folk, -e incluso do de Úbeda, a pesar das súas declaracións supremacistas a respecto do nacionalismo, e o seu ar prepotente. Música é música, porén.

O conto é que esta escolla limitada foi feita, como pano de fundo, nun acto promocional dun dos candidatos a barón dos socialistas españois na Galiza, e ao parecer tamén á Presidencia do goberno galego. Toda unha declaración de principios, tamén bastante consoante coas mensaxes que alí lanzou, co papel da sucursal galega pesoísta, e, como non, da praxe política dun partido que por veces mostra a súa pata federalista, mais que, na hora da verdade, emburúllase na bandeira de España para que nada mude.

Para quen estiver ben informado, sabido é que a música galega está nun apaixonante momento, en que, bebendo da tradición, se adapta aos ritmos dos novos tempos, recibe boas críticas aquén e alén das nosas fronteiras, anchea o abano do público, conecta especialmente coa xente nova e, en definitiva, non deixa gostos musicais sen cubrir, cunha oferta totalizadora. Mesmo para quen tiver prexuízos enxebristas e outras fobias, xa non ha escusa para non encontrar unha proposta musical en galego que non lle encha o ollo.

Pero o señor candidato a comandar unha organización galega e o goberno do propio país, a súa equipa ou todos en conxunto, parece que non gostan, ou, o que aínda sería pior, non saben, ou non queren saber, que a música galega existe. E de que, a pesar de ter que competir con armas desiguais, e estar minimizada polos medios de comunicación públicos que teñen a obriga da súa promoción, sobrevive, vive e revive. 

Realmente, a sorpresa por esta actitude é ben inocente. Ao final, todo encaixa. O proxecto do esquecemento e a exclusión pinta con diferentes matices. Á par, o seu xefe aparecía na Toxa, baixo cartelaría que vulnera a lei, e, a competir en españolismo con Ayuso, anunciaba unha nova oficina para patrocinar o español. E fíxoo na Galiza. Sen nen sequer unha referencia ao idioma propio de nós. Mentres, quen o defende, ben como a legalidade lingüística e os direitos de quen o falamos, eran literalmente silenciados e apaleados. 

Comentarios