Opinión

Da España imposíbel á Galiza de seu

Oespectáculo que se viu nas Cortes días atrás evidenciou que o español é, na súa configuración actual, un estado falido. Un estado baseado na imposición manu militari dunha identidade nacional, cultural e linguística única, en falsos mitos históricos e na concentración do poder político e económico. Un estado onde o exército e a Igrexa levan sendo os seus dous grandes contrafortes. Un estado que treme cada vez que as nacións reclaman os seus direitos lexítimos. Un estado, enfín, que supuxo e continúa sendo unha verdadeira ruína para a Galiza.

A gritaría, as ameazas e as coercións aos "traidores" e aos "inimigos de España" que se ouviron desde as bancadas españolistas, xunto cos apelos á detención de representantes democráticos, ilegalización de partidos e a intervención do exército, replicados nas redes sociais e na prensa ultra, dan boa conta de que calquer tentativa de promover o recoñecimento plurinacional ou os direitos sociais van ter sempre enfrente os poderes fácticos españois. Para comezar a Igrexa que, como no pasado, pediu para orar por España. Continuando pola monarquía, que aparentemente manobrou para virar o voto dunha deputada canaria. A seguir polos poderes económicos, que din teren feito o mesmo con outro deputado cántabro. E para lle pór o ramo, polas manobras indisimuladas das autoridades eleitorais e xudiciais.

De por parte, historicamente, a alma xacobina do PSOE sempre prevaleceu sobre a máis federalista, que parece abandeirar agora o cambaleante Pedro Sánchez. Veremos nos próximos meses se a súa aposta é verdadeira e aguanta ataques internos e externos mais, de calquer forma, supón abrir unha xanela de oportunidades para o recoñecimento da plurinacionalidade e para avanzar nos dereitos e liberdades. Porén, o entusiasmo non debe levarnos á miraxe. Calquer mudanza de calado no ordenamento xurídico-político español pode ser bloqueada por quen se aferran a manter os seus privilexios.

Na España imposíbel, a Galiza sempre saiu perdendo e lévao pagando moi caro. Das tentativas de anular a súa identidade nacional, á emigración, á explotación dos seus recursos naturais sen reversión, até ao actual e alarmante declinio demográfico. Por iso, como xa se fixo noutras ocasións, é de pura necesidade estarmos ai, con intelixencia e ilusión, reivindicando o que nos pertence, devolvendo a autoestima ao noso pobo e a confianza de que seremos quen de construír un futuro colectivo cheo de esperanza.

Comentarios