Opinión

CRTVG: miseria e esperanza

A historia dos medios de comunicación públicos galegos corre parella á xénese, evolución e estado actual do status político da Galiza. A criación da Compañía da Radio-Televisión da Galiza no ano 1984, con todas as eivas que se lle quixeren apor, viña a fortalecer e acompañar o movimento de base popular que reivindicaba a plena restauración e normalización do uso do noso idioma en todos os ámbitos da sociedade. Nese contexto, a chegada do galego con plenitude aos medios de comunicación foi, sen dúbida, un grande estímulo e, por que non o dicer, unha grande alegría nuns anos de intenso traballo e loita polos plenos direitos lingüísticos. 

Infelizmente, os obxectivos asinalados no texto legal polo que se instauraba a CRTVG fóronse degradando paso a paso até mesmo se mutaren nun instrumento para a súa própria negación. Onde están o impulso da lingua galega, a atención á máis ampla audiencia que se dirixa a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, a calidade, a máxima cobertura social e cultural, o favorecimento activo da difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecimentos mediante toda clase de emisións en lingua galega ou o fomento da produción audiovisual propria, que literalmente se estabelecen no articulado da Lei de criazón da CRTVG? Onde a defensa da identidade da nacionalidade galega, o respecto á liberdade expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións e o verdadeiro respecto ao pluralismo político? Practicamente, en ningures.

Moi especialmente, a Televisión da Galiza tense convertido nun ariete do desmantelamento das funcións de normalización lingüística e cultural e da defensa dos valores de compromiso e igualdade que lle corresponden a un medio público que se diga galego. Chegar á degradación máxima que supón propiciar escenas de violencia machista nun programa en horas de máxima audiencia dá conta da situación en que se encontra este medio público, que, como recentemente recollía Luís Pardo nunha crónica xornalística, fai de personaxes como Eduardo Inda, Paquirrín ou o Pequeno Nicolás estrelas da súa programación prime time. En medio de toda esta miseria, xorde todos os venres, desde hai 151 semanas, a luz e a esperanza: a voz das e dos profesionais que un día decidiron tomar posición e denunciar o desmantelamento e manipulación dos medios públicos galegos que, a día se hoxe, proxectan unha visión caricaturizada do noso país.

Comentarios