Opinión

Como en Finlandia, como en Finlandia

A reforma da actual lei do ensino resulta decepcionante e non colma as demandas e reivindicacións da comunidade educativa. En primeiro lugar porque non acaba de se producir. Embora fose anunciada reiteradamente como un dos obxectivos do goberno Sánchez, dous anos despois aínda sofremos a centralizadora e antidemocrática LOMCE, que debería ter sido derrogada xa naquel momento. Portanto, as présas que poida haber agora por aprobala xa non xustifican a súa urxencia como pretexto. En segundo lugar, se ben propón deixar sen efecto algún dos artigos máis polémicos da actual, tamén non ten a valentía de coller o touro polos cornos e introducir mudanzas estruturais, sen as cales os problemas do ensino no noso país vanse perpetuar e mesmo agravar. E todo iso sen contar coa participación das e dos profesionais do ensino.

A proposta aprobada polo goberno central mantén a inxustificada presenza da relixión nos centros de ensino. Continúa a financiar os centros concertados, que detraen boa parte do orzamento, ou sexa, a desviar os nosos impostos cara a empresa privada. Non deixa case marxe para unha lei galega que permita ordenar axeitadamente o ensino ás nosas necesidades. En fin, non prevé medida efectiva ningunha para acabar coa masificación das aulas e a carga de traballo do profesorado e facer viábel un ensino de calidade.

As continuas reformas lexislativas perpetúan un modelo fracasado que acaba por aprofundar máis nos males estruturais do sistema, en contraste con modelos de calidade como o finlandés. Alí, a educación é toda pública e gratuíta en todas as etapas, inclusive o material escolar, transporte e comedor. As xornadas escolares son reducidas e non ultrapasan as vinte e cinco horas semanais, con sesións lectivas de corenta e cinco minutos e quince de descanso entre elas. Os centros e o profesorado gozan dunha grand capacidade de decisión e o currículos son dinámicos e non centralizados. Existe profesorado de apoio en todos os centros, nomeadamente para verificaren unha verdadeira inclusión, e as aulas teñen unhas ratios de alumnado reducidas, con atención individualizada. A figura do persoal docente goza dun gran prestixio e recoñecimento social, polo que se produz un círculo virtuoso de confianza entre as familias, os docentes e o alumnado. En fin, o ensino é unha cuestión de estado que inviste 20% dos orzamentos públicos no sistema no seu conxunto. Unha cuestión de prioridades.

Comentarios