Opinión

Biden, Seamus Heaney e nós

Agora que se confirma a chegada á presidencia dos USA do candidato demócrata, as redes comezan a ferver con polémicas sobre os feitos e o pasado, máis ou menos afastados, de Joe Biden. Unha delas, a que o acusa de querenza por invadir o espazo persoal de raparigas e mulleres, como xa denunciara a política demócrata Lucy Flores, ao sentir noxo despois do presidente electo a beixar na caluga, ou as continuas beixocadas e sobas de nenas.

A orixe irlandesa do futuro inquilino da Casa Branca é outra das referencias que poñen en destaque os medios de comunicación. The Irish Times recollía o pasado sábado unhas declaracións dunha súa curmá a falar das conexións de Joe Biden coa illa esmeralda, e das súas mencións a James Joyce e Seamus Heaney. De facto, o político estadounidense ten reafirmado a súa procedencia irlandesa en numerosas comparecencias públicas con diversas referencias. Entre elas, unha cita do poeta, dramaturgo e tradutor do Ulster, Premio Nobel da Literatura, feita nun discurso de campaña e despois levada á súa própria conta do Twitter. Trátase duns das estrofas máis coñecidas da adaptación en verso que Heaney fixo do Filoctetes de Séneca, A cura en Troia: “History says, don’t hope/ on this side of the grave./ But then, once in a lifetime/ The longed-for tidal wave/ Of justice can rise up,/ And hope and history rhyme.”. A peza teatral fora traducida ao galego por Manuel Outeiriño e Sthéphanie Jennings en 1998.

O diálogo de Heaney coa literatura galega viña xa de antes: Méndez Ferrín dedicoulle o seu Estirpe (1994) e en 1996 Vicente Araguas fixo unha tradución completa do seu poemario Traballo de campo, precedida dunha magnífica introdución. A partir dese momento intensificouse a súa relación coa Galiza, con máis traducións e tamén traballos realizados no ámbito académico galego sobre a súa obra. Mais o cénit desa ligazón co noso país foi, sen dúbida, o seu doutorado honoris causa pola Universidade da Coruña, onde pronunciou un emocionante discurso, que aínda ecoa: “ Ollada desde Irlanda, por exemplo, a Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que encontramos [...] E a Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética.” Os seus versos, á beira dos de Rosalía e Luz Pozo Garza, fican gravados no “Xardín das Pedras que Falan” compostelá, inaugurado cinco anos despois da súa morte, en 2013, baixo a mirada atenta da súa viúva

Comentarios