xoves 06/05/21

AstraZeneca, comunicación e control

Se a intención foi a de tranquilizar a poboación cunha medida de carácter preventivo sobre os posíbeis efeitos colaterais da vacina de Oxford, non o puideron facer pior. Certo é que, tamén debido a unha estratexia comunicativa decididamente errática e, posibelmente, interesada, o fármaco desenvolvido pola cooperación público-privada anglosueca xa tiña nacido con mal pé, no medio dunha batalla político-económica polo control farmacéutico mundial, ollando a Rusia e a China de esguello.

Todo iso envolvido ademais polo escándalo da xestión que leva feito a Unión Europea, con total opacidade, obscurantismo e neglixencia nos contratos coas industrias do medicamento. Como consecuencia de todo o anterior, o verdadeiro interese comunicativo, o da efectividade e seguranza das vacinas, tamén desta, e a mensaxe de confianza e tranquilidade que debería ter sido transmitida á poboación, ficou esborrallado polas interferencias políticas e as batallas económicas. E, como non, os gobernos estatais e nacionais repenicaron e espallaron a alarma mansamente entre a poboación, para gloria e crecemento do movimento negacionaista antivacina.

Como pano de fundo, os intereses económicos insaciábeis do negocio das multinacionais farmacéuticas. Para nos situar na súa magnitude, abonda con comprobar como, antes da pandemia, o volume de ventas das vacinas representaba tres por cento dos seus gaños totais, uns 33 mil millóns de euros, en contraste cos 142 mil millóns que supuñan os tratamentos contra o cancro.

Da noite para a mañá, a situación deu unha reviravolta e o maná sitúase agora nestes soros anti-Covid, e converte o que debería ser unha prioridade sanitaria de primeira necesidade, xusta e equitativa para todos os seres humanos, nunha batalla económica. Un mercado selvaxe e desapiadado, en que os estados con máis poder político-económico acaparan a maior parte das doses, e as compañías farmacéuticas inician unha guerra comercial, imunes á traxedia global que paira sobre a Humanidade.

De novo, os números cantan. O custe da vacina da AstraZeneca é duns 3 euros por dose, mentres a de Moderna é de 16 euros para os clientes estadounidenses e 32 para o resto dos mortais. Moderna conta con gañar 18,4 mil millóns de dólares só este ano, e Pfizer fai estimación de 15 mil millóns de lucros no mesmo período. O negocio non fixo máis do que comezar. Só con eses dados, non é difícil intuírmos as causas da alarma.

comentarios