xoves 06/05/21

As sen vacinas

É un dos grandes temas destas semanas. A chegada das vacinas para a imunización xeral ao virus da Covid-19, con grandes investimentos públicos e privados. Os países con rendas altas e medias chegaron xa a grandes acordos de compra de doses para as súas poboacións, nalgúns casos mesmo cuadriplicando as necesidades estimadas. Entretanto, as dos países pobres e devastados pola guerra, con sistemas de saúde fracos ou inexistentes, terán novamente que esperar, ou morreren á súa espera. Como xa está a acontecer. Non apenas nesta pandemia, mais tamén diante doutros andazos e surtos de enfermidades practicamente erradicadas no rico, e insolidario, Norte.

As cifras son arrepiantes. Mesmo antes da pandemia, por volta de 20 millóns de crianzas por ano, das máis vulnerábeis do mundo, sobre todo as que viven en zonas de guerra, non recibiran as vacinas básicas, nen sequer as primeiras doses das da difteria, tose ferina e tétano. De por parte, segundo os dados da Organización Mundial da Saúde, as mortes por sarampo en 2019 aumentaran 50% con respeito a 2016. Ou sexa, mesmo antes da chegada da Covid, as taxas de imunización a nivel planetario xa estaban a causar unha grande crise sanitaria e humanitaria mundial. 

Agora, segundo un estudo da Johns Hopkins Bloomberg School of Public Health, até unha quinta parte da poboación mundial podería non ter acceso á vacina contra a Covid-19 até 2022, mentres que os países ricos, que representan tan só 14% da poboación mundial, xa reservaron máis da metade das doses disponíbeis para 2021. Só o suceso do mecanismo COVAX, en que participa a OMS, criado para posibilitar unha distribución equitativa da vacina, mediante acordos de compra conxunta, podería paliar as graves consecuencias que xa se experimentaran na década do 1990 co acceso aos tratamentos antirretrovirais para o VIH.

Diante deste panorama, mesmo as actitudes egoístas e insolidarias deberían saber que non axudar a que a vacina chegue aos países pobres tamén enfraquece a nosa seguranza de saúde global. Parece obvio que a imunización desempeña un papel crítico na prevención de surtos, sempre que todas as persoas tiveren acceso a ela. Se hoxe non se pode imunizar toda a poboación mundial con vacinas amplamente disponíveis, non significa apenas que fallamos solidaria e colectivamente en protexer esas persoas. É tamén, mais unha vez, a constatación da falta de preparación perante unha pandemia global.

comentarios