Opinión

Arte efémera

Ao contemplarmos grandes iconas da arte da nosa tradición cultural, ou das máis achegadas a nós como os grandes templos do Exipto, a Grecia ou da antiga Roma, seguidas polas mesquitas do islam ou as catedrais da cristiandade, matinamos en como se puideron ter realizado tamaños monumentos, sen os avances técnicos e tecnolóxicos da época que nos tocou vivir. Sen dúbida, unha das chaves está no tempo que demoraron en seren construídos ou no baixo custe da mao de obra empregada, nalgúns casos custe cero, por medio da escravitude. De calquera maneira, todos eles teñen en común unha ambición política, a de sinalar o poder estabelecido no momento da súa construción, mais tamén un sinal inequívoco de vontade de o facer perdurábel, nunha ambición de transcendencia, de construír o permanente, de materializar o absoluto. Unha forma tamén de querer tornar eterno o carácter transitorio da existencia.

En contraste, noutras tradicións culturais máis distantes, como as orientais, marcadas por expresións relixiosas como o hinduísmo, o animismo ou o budismo, parece que o propósito de moitas das súas representacións artísticas está máis interesado en remarcar precisamente a transitoriedade da vida, o carácter fuxitivo da beleza, quizá como maneira de destacar tamén a súa intemporalidade, por medio da arte efémera. Representación, tamén da natureza, que é fuxitiva, que non perdura. Como o voo das aves, o correr das nubes no céu, ou o abalo das marés. Se todo iso foxe ao instante, fai moito sentido que a arte non sexa duradeira, para así poder tamén representar que o mundo nunca foi máis belo do que nese exacto momento. Como na tradición hindú, onde non se glorifica tanto o pasado, se non é para axir sobre o presente, e as estatuas das súas divindades son adornadas cada día, ofrecéndolles flores e leite frescos, manteiga ou mel, como formas de facelas presentes, vivas e en constante mudanza. Ou onde millóns de mulleres decoran as súas casas, con pinturas que se esvaen de contado e motivos decorativos que se transmiten de mais a fillas, quer florais quer animais quer xeométricos. No entanto, ese carácter efémero da arte oriental aparece tamén nas sociedades máis industrializadas, por medio de performances, instalacións ou happenings. Nestes tempos, parece difícil construír algo permanente nun mundo onde a mudanza constante é a regra, onde o sentimento de aceleración, asociado ao da precariedade, marca o paso.

Comentarios