Opinión

Amputacións

Chegou este ano, cheo de feridas e fendas, agravadas por outros tallos inflixidos propositadamente. Grandes amputacións, a comezar polas da vida mesma, da de moitos seres que nos arrebataron, de moitas persoas queridas que nos levaron á forza, sen dó nen piedade. Sen compaixón. Sen nos conceder nen sequer a necesaria despedida, o pranto balsámico.

Grandes incisións tamén nas vidas de quen aquí ficamos, nas nosas liberdades. As de abrazar, beixar, agasallar, acariñar, afagar a nosa xente. As de nos mover libremente, polas nosas rúas, prazas e avenidas. Polas nosas vilas e cidades. As do noso direito á cultura ao vivo en teatros, auditorios ou terreiros da festa. A un ensino ao completo. A unha saúde plena. A un sustento digno, non apenas unha subsistencia limitadora e limitante. A dunha vellez chea de vida. Sen restricións, nen agravados polos cortes retalladores e impenitentes do pasado, do presente e dos que se avistan, ameazantes, para o futuro. Os dos vampiros a comeren todo e non deixaren nada. 

Porque a man do home, a bater unha e mil veces contra a mesma pedra, está indubitabelmente por tras desta e doutras catástrofes pretéritas, actuais e, previsíbel e desacougadamente, vindeiras. Ou para facer xustiza, a man dunha minoría desalmada e insaciábel, que nunca se ve farta e está a nos levar ao abismo, a conducir a humanidade ao precipicio. A que arma e espalla teorías negacionistas e conspiracionistas que se estenden, cheas de odio e insolencia, entre a quen lles foi roubada dignidade e esperanza. A que, en laboratorio de ideas impostoras, teima e reteima en apagar a memoria histórica ou inocular grandes trolas sobre quen nós somos para nos amputar, tamén, a nosa cultura, a nosa lingua, as nosas letras.

Letras tamén amputadas, si. Como se dunha burla ou grande sarcasmo se tratar. Carvalho, eternamente amputado e manipulado. As súas ideas, o seu maxisterio, o seu legado. As súas proprias palabras, a súa grafía, nos seus escritos. A querelo quizá confrontar con outra grande das nosas, a Xela. A que tamén, ironicamente, viu amputada a súa existencia no melloriño da súa vida, cando nos estaba a renovar e proxectar cara ao futuro. Non hai confronto posíbel. Carvalho é Xela e Xela é Carvalho. Fixeron e fan parte dun mesmo proxecto, dunha mesma e boa causa. Dous nacionalistas confesos. Dous grandes bardos. Non os queremos limitados. Prolongaremos a súa memoria, darémoslles nova vida.

Comentarios