Opinión

Alehop!

Ter un presidente prestidixitador, un bruxo feiticeiro, é sempre alegría para un pobo. Xa a realidade é dura demais, como para termos que a problematizar e nos laiar en todo recanto en que nos encontremos. A maxia é a solución. Non entendo como os partidos da oposición tentan apagar a ilusión que o noso amado líder, a personificación mesmo da Galiza, esperta en todos nós cos seus xogos malabares. El ao seu. A emular o Mesías. En tempos de restricións o que cumpre é multiplicar, como o enviado divino, non unha, senón varias veces, os pans e os peixes, mentres os herodes de turno celebran, por todo o alto, a decapitación da esperanza, servida en bandexa de prata ao poderoso. Frente á opulencia mundana, maxia e prestidixitación. Banquete celestial.

Vamos ver. Que as aulas do ensino público xa están alegremente cheas da cativada e ebulición hormonal –que trosmas estes que non ven as concorrencias como un regalo divino– agora felizmente adubada con carga viral que gosta dos contaxios aéreos en lugares pechados con ocupacións densas? Pois, alehop!, un novo reto para o mundo da maxia que, xa se sabe, non é deste mundo: dámoslle á vara, batemos no chapeu e velaí, mesmas dimensións das aulas, mesmas ratios de ocupación e, tatachán, distanciamento interpersoal garantido! Que o Señor nos pon de novo a proba cun castigo divino vindo da China e fai con que teñamos que extremar as medidas hixiénico sanitarias en espazos pechados e as medidas de control nas entradas, saídas e deambulacións nas escolas, mais haxa que compartillar os recursos coas sagradas congregacións concertadas e non proceda a contratación de máis persoal de portaría e limpeza? Novo coelliño da sorte! Ai temos o profesorado, afouto e valoroso, a axilizar o tránsito e a esfregar os panos por mesas e cadeiras! Que a praga exixe facer un seguimento médico–sanitario do persoal e do alumnado que pecou e se infetou, e un control de novos gomos? No problem! Eis as afoutas equipas diretivas que, tras duns toques de pos de perilimpimpín, se converten en responsábeis Covid, xestoras de pandemias, enfermeiras e doutoras. Non reinvidicábades a carreira docente? Pois aí a tendes! Que é probábel que haxa que voltar á teledocencia parcial ou completamente? Estendemos un pano de seda sobre o problema e, por artes do bruxo, aparecen as aulas virtuais creadas!

Sindicatos e oposición, pois, deixai xa de aborrecer e non estraguedes o encantamento.

Comentarios