Opinión

África a bater á porta

A chegada contínua de migrantes procedentes da África, á que hai que adicionar todas as vidas que a diario se perden no mar, parece non ser unha imaxe suficientemente poderosa como para representar o que realmente agocha: as consecuencias da brutal colonización por parte dos imperios europeus, o imperialismo subsecuente das chamadas potencias occidentais para continuar a saquear os seus recursos e, xa na actualidade, a catástrofe humanitaria que están a causar as mudanzas climáticas provocadas por un sistema económico predatorio e insustentábel.

O debate en torno das infames mentiras sobre as persoas migrantes e refuxiadas levantadas pola extrema-direita europea e os seus secuaces, en que tamén se enfouzan por veces as chamadas forzas progresistas, acaba por se converter nunha cuestión numérica, na cantidade de persoas que se poden admitir. A iso xúntase o esperpéntico espectáculo dos estados a tentar se desfacer deses seres humanos, como se de refugallo se tratase, sen o menor rubor por teren sido grandes responsábeis da desfeita actual. Por outra parte, as imaxes impactantes de crianzas mortas nos areais europeus foca o drama principalmente nas consecuencias, mais tamén non consegue transparentar o que a ONG Care International, no seu informe Suffering in Silence, cualifica como os “puntos cegos” de 2019: os do sufrimento de millóns de persoas morrendo de fame por causa do aquecimento global no hemisferio sul.  Entretanto, o activismo climático da sueca Greta Thunberg monopolizaba boa parte dos titulares informativos no Norte.

A Care International listou os dez países, nove deles na África, que receberon menos cobertura informativa mundial no ano pasado, a pesar de que, polo menos, en cada un deles había un millón de persoas afectadas polas mudanzas climáticas, moitas delas esfameadas debido ás consecuencias da escaseza das colleitas, produto  quer das secas prolongadas quer das enchentes frecuentes: no continente viciño as temperaturas están subindo dúas veces máis rápido que a media mundial. Portanto, cabe a nós nomear eses países un por un, para non contribuírmos á invisibilización da fame extrema que están a sofrer as súas poboacións: Madagascar (2,6 millóns) Zambia (2,3); Quenia (1,1); República Centro-Africana (2,6); Burundi (1.7); Burkina Faso (5,2); Etiopia, (7,9) e, aínda, o Chade (10 millóns). Non son apenas números, é a infamia da fame a bater nas nosas conciencias.

Comentarios