Opinión

Afouteza soa non abonda

O Celta terminou 2019 como a pior equipa do ano con 34 puntos en 39 partidos de liga –oito vitorias, dez empates, 21 derrotas– quebrando as estatísticas dos olívicos nunca perder máis de vinte xogos ligueiros nun ano. Alén dos datos, as sensacións eran as dun conxunto plano, incapaz de competir fóra de casa, e de que só a máxica afección que a empurraba e un excelente Iago Aspas podían revivir o morto. Mal planexamento deportivo, constantes bandazos na escolla de treinador, obsesión por centros comerciais ou leas co alcade vigués son as causas máis comúns ás que celtistas recorren á hora de analizaren o problema da equipa.

Coa salvación milagrosa e co entusiasmante mercado de verán –con contratacións de renome como Denis, Rafinha ou Mina– parecía que as ilusións estaban anovadas e que todo o vivido na tempada anterior sería cousa do pasado. A realidade é que a equipa comezou a liga tal e como a acabara. Cunha escuadra de xogadores con perfís semellantes, un treinador disposto a morrer co seu estilo de fútebol e unha directiva enleada co alcalde de Vigo e cos comuneiros de Tameiga. Os maus resultados chegaron e, cando isto ocorre, sábese ben quen é o primeiro dannificado, neste caso Fran Escribá. Por outro lado, a afluencia a Balaídos foi diminuíndo a medida que a equipa apresentaba as mesmas carencias e que os responsábeis seguían a mirar só polo aumento de patrimonio para o clube.

O ar fresco dos irmáns García Junyent no banco pareceu mudar a dinámica, mais após tres meses cos cataláns á frente, os resultados non aparecen e o Celta no dá saído de posicións de descida. Chegado o mercado de inverno, e co pasar dos días, o celtismo desespera ante a falta dunha resposta clara e dunha liña diferente ao xa visto. A isto acrecéntanse os investimentos millonarios que están a facer as equipas que compiten cos olívicos pola descida. Haberá quen diga o Celta non poder asumir tal investimento, mais a venda de Lobotka, xunto coa grande estabilidade económica de que presume o clube vigués, fai posíbel unha boa aposta para manter a categoría. A realidade é que na última semana de mercado só foi atendida a necesidade do pivote, operación que, a priori, parece arriscada. Así as cousas, toda a afección sabe que, se a situación non mudar, o clube fará o de sempre, recorrer ás e aos incansábeis siareiros que ten. Mais, ainda que milagres coma a do ano pasado acontecen, afouteza soa non é suficiente.

Comentarios