Opinión

A punta do iceberg?

As leccións que iremos tirar da pandemia do covid-19 están aínda por escreber, mesmo que algunhas evidencias xa dean conta de que a humanidade, os estados e os seus gobernos non estaban preparados para lle facer fronte. Ninguén a esperaba? Certamente si. Xa houbo quen, desde perspectivas científicas, prediciu que algo así podería acontecer. Un deles Bill Gates, cando en 2018 afirmou que o mundo non estaba preparado para a pandemia que podería chegar na seguinte década. Expertos en viroloxía xa alertaran tamén da chegada dunha epidemia global. Con todo, é no desenvolvemento dunha nova disciplina, a da saúde planetaria, xunto coas pesquisas dos departamentos de ciencias ambientais, onde se poden encontrar as explicacións de por que a humanidade se estexa a enfrontar a novas pandemias, moitas das cais teñen a súa orixe en virus de animais. Todas elas apuntan para a devastación masiva dos ecosistemas.

Diversos cientistas están a traballar coa hipótese de que a destrución acelerada das florestas tropicais e outros hábitats onde moran animais salvaxes, froito da actividade humana como a construción de estradas, a minaría, a caza, a extracción de madeira ou a rápida urbanización fai con que os seres humanos penetren en lugares e se aproximen a especies animais cos que antes non se tivera tanto contacto. Os chamados “mercados húmidos” de animais salvaxes para consumo humano parecen ser tamén un dos posíbeis focos de primeira transmisión, como xa aconteceu na China.

Desa maneira, reducindo as barreiras naturais entre os animais portadores de virus e as persoas, estanse a criar as condicións ideais para que os patóxenos, que non saben de límites entre as especies, salten dos primeiros para o segundos. O covid-19 non foi o primeiro. Antes chegaran outras doenzas infecciosas como o Ébola, a gripe aviaria, o Merburg e, tamén agora, o Mers, ligado a camelos no Oriente Medio. “A maioría dos patóxenos aínda non se descubriu. Estamos na punta do iceberg” di o cientista Thomas Gillespie.

Nestes momentos de emerxencia é ben lóxico e necesario que os esforzos, mellores ou piores, se estexan a pór en deter a propagación do virus e en salvar as persoas contaxiadas. Mais a futuro precísanse urxentemente mudanzas estruturais e deter de vez a carreira atolondrada da humanidade que leva á destrución da natureza e, como consecuencia, á propia autodestrución da especie humana. Quizá aínda estexamos a tempo.

Comentarios