domingo 25/10/20

A nova universidade

Estábamos todas e todos felices e contentos porque, tras os primeiros golpes da pandemia, o futuro albiscábase alternativo e reparador. Pouco nos durou a alegría. A esa nova “normalidade” –vaia eufemismo para agochar o pensamento único– xa lle estamos a enxergar a súa verdadeira faciana. Ningunha rectificación, ningunha aprendizaxe, só volver ao rego que nos levou e voltará levar ao desastre, até que o corpo do planeta aguante. O novo que anuncian é, máis unha vez, pura trola, puro fake.

As de berliques e berloques son as súas artes que agora asoman á xanela da universidade. Seique hai que innovar, como se a innovación non fose xa a alma da institución. Disque o profesorado xa non ten que ser tal, un referente para a transmisión de coñecimentos, mais un mero ”interlocutor” e “asesor”, como se os espazos docentes fosen faladoiros e o profesorado animadores. A realidade vira en virtualidade, o saber en modernidade. Os contidos teóricos, que constitúen un dos seus principais alicerces, desaparecen para se converteren en master classes ou ted talks. Iso si, con formación blended, notificacións push app (sic) móbil, streaming de vídeo, ePortfolios, programación e asignación de tarefas automatizadas, integración con sistemas de mensaxería externa, quizzes avanzados e, como non, asistentes de apoio para axudar o (anticuado) profesorado a converter os seus (pobres) materiais convencionais en materiais online de calidade, e avaliacións en liña (proctoring). A bomba da innovación vai ser a contratación de deseñadores gratíficos / community managers, que deseñen, calendaricen e actualicen contido regularmente, enfocado ao cumprimento dos obxectivos dos centros. O paraíso do rigor e o método científico.

Soa a brincadeira, mais non é. É parte da literalidade do Programa de transformación á docencia innovadora no sistema universitario de Galicia, apresentado pola consellería do ramo. Un documento que non ten desperdicio e que supón un verdadeiro e desrespeitoso insulto ao profesorado, ao alumnado e ás institucións universitarias no seu conxunto. Pretenden converter nunha UNED todos os campus galegos, precarizar e reducir aínda máis o profesorado contratado, como acontece en moitas das universidades a distancia e, en definitiva, como xa está a denunciar, colocar unha ponte de prata á chegada da primeira universidade privada na Galiza. Eis a nova normalidade, a nova calidade, a nova innovación.

comentarios