Opinión

Tambores de guerra sionista

O asasinato na sexta feira do principal científico nuclear do Irán por orde, xa recoñecida abertamente mesmo polos seus aliados occidentais, do réxime sionista, non é máis do que un novo episodio iniciado hai setenta anos coa creación terrorista do estado de Israel, como punta de lanza dun proxecto de rapina e exterminio no Oriente Medio.

Chama a atención a falta de pudor en como se fraguou o atentado contra Moshen Fakhrizadeh, baleado nunha rúa preto de Teerán, con métodos idénticos aos empregados en xa unha decena de asasinatos de especialistas nucleares iranianos nos últimos doce anos, entre eles a emboscada letal de xaneiro pasado contra o xeneral Uassem Suleinami, comandada persoal e impudicamente por Trump. Agora foi Netanyahu quen apuntou Fakhrizadeh como suposto mentor de armas nucleares do Irán, na secuencia sen precedentes do encontro do pasado fin de semana na Arabia Saudita entre o primeiro-ministro xudeu, o secretario de estado dos EUA, Mike Pompeo, e do príncipe herdeiro saudita, Mohammed bin Salman, ben coñecido polas súa artes e as súas ordes de execución criminais a pesar do branqueamento ofrecido polos líderes occidentais, entre os cales o Borbón en fuga.

Seica o episodio viría a ser unha caste de derradeiro espernexar do xa de facto ex-presidente estadounidense, a tentar provocar Teerán para o inicio dun confronto bélico nos derradeiros días da súa presidencia. Unha cereixa no topo do bolo da súa vinganza iraniana, mesmo coa especulación do inicio dalgún tipo de ataque, aberto ou encuberto, e co ecoar de fondo dos planos do presidente electo, Joe Biden, de retomar a vía do diálogo cos persas e resucitar o acordo nuclear que parecía estar a encamiñar o conflito antes da chegada de Trump.

Mais non só. A xa desvelada complicidade saudita co réxime sionista, e consecuente traizón á causa palestina, dá azos a Israel para estender a súa guerra e dominio da zona, como punta de lanza dos intereses occidentais por frear o potencial iraniano, a forza de radicalizar o seu réxime teocrático. Resta agora por ver se Teerán é capaz de conter as súas faccións máis extremistas e dar aos seus inimigos a desculpa para inflixir un golpe esmagador, que podería iniciar un confronto bélico de proporcións imprevisíbeis, unha viaxe sen retorno para criar un novo episodio de devastación, terror e masacre das poboacións civís, como o xa ensaiado no Afganistán, no Iraque, na Libia, na Siria.

Comentarios