Opinión

Noelia

Estiveron, están, na primeira liña da frente, no combate á pandemia, e non só. Pagaron coa súa vida a súa vocación de servizo, desvalidas polos poderes públicos que se entregaron ao dogma do austericidio. Dedicáronselles salvas de palmas, como a outros colectivos, desde xanelas e varandas de todo o país. Xurouse e perxurouse que o seu labor era esencial e que nunca máis nos poderíamos esquecer desa leición de vida e dignidade, de entrega sen desalento. Mesmo a clase política que activamente traballaba, traballa, polo desmantelamento do sistema de saúde público entoaba, de maneira forzada polos acontecimentos, o mea culpa, e daba signos, que agora se perceben cheos de demagoxia e cinismo, de que a situación tiña que mudar.

Mais aí está Noelia para os desmentir. Para tentar lles pór a cara tan rubia como o vestido que ela loce. Para os impugnar e contraditar. Para lles, mais unha vez, desvendar as súas mentiras, como se tratase dunha ferida profunda que supura de máis e gangrena o sistema. Para lles facer lembrar, alto e claro, que a súa, como a de moitas compañeiras galegas, é unha historia de precariedade e emigración, con voz que ecoa e retumba nos gabinetes gobernamentais, vacuos de empatía e sinceridade, plenos de soberbia e mentiras. Para os sinalar, para lles recordar que os seus golpes de peito eran efeitos teatrais, burla sarcástica, escarnio no medio dunha traxedia colectiva.

Eis a realidade, os feitos. A incerteza, os contratos por días, por horas. O estar a toda hora pendente do telemóbel,  por se te van chamar, mesmo sabendo que se precisan máis reforzos nos centros de saúde, nos hospitais A instabilidade. O desasosego. O non saber o que se vai cobrar, o que se vai cotizar. A ausencia de formación contínua. Non poder planificar minimamente a túa vida, o teu futuro. Non haber máis remedio que te afastares da túa xente para poderes ter un mínimo de estabilidade. 

A propaganda xa a coñecemos. Galiza no país das marabillas. Daquí ninguén foxe por que quer. Nen sanitarios, nen docentes, nen investigadoras, nen mocidade, nen empresas.

Iso só acontece na pérfida Catalunya. Onde a Noelia lle ofreceron un contrato anual, onde poderá conseguir unha interinidade “antes dos 30”. Onde sabe o que vai cobrar cada mes. Onde xa puido facer tres cursos de formación en menos de un ano. En Tarragona, como destaca o xornal que lle fixo a entrevista, para contribuír a agochar as trolas.

Comentarios