Opinión

H. G. Wells: distopía, utopía e realidade

Neste agosto que acaba cúmprese o 75 cabodano dun dos grandes vultos, xunto co francés Xulio Verne, da literatura de ciencia ficción, o inglés Herbert George Wells. Ora ben, en contraste co escritor galo, cuxa narrativa futurista incidía na abertura de posibilidades e aventuras individuais, Wells fixo da súa obra unha sonora advertencia crítica, con grande carga ideolóxica e social sobre os mundos por vir, sempre preocupado coas consecuencias que os avances tecnolóxicos poderían supor para a sociedade no seu conxunto. Unha preocupación na procura da utopía desde a distopía.

A biografía do británico é apaixonante. Nado nunha familia humilde, comezou a procurar sustento como aprendiz nun almacén de tecidos, axudante de botica e xa depois, mestre. No entanto, o seu talento no campo das ciencias proporcionoulle unha bolsa para se graduar con brillantez en Bioloxía. Na Academia foi alumno e discípulo de T. H. Huxley, egrexio científico e grande defensor das teorías darwinistas. Tras pasar por diversos contratempos, máis tarde Wells convértese en profesor universitario e influínte investigador, do que dan conta 25 artigos publicados na prestixiosa revista Nature, para alén da súa faceta de escritor, ben como admirado comunicador e orador, tanto no campo da ciencia como no da política. Neste último, e através da súa implicación na Sociedade Fabiana de Londres, de orientación marxista, destaca a súa crítica á hipocrisía, puritanismo e opresión da era vitoriana, que el proprio viviu, así como o cruel imperialismo británico.

Na súa obra literaria (A máquina do tempo, O home invisíbel, A guerra dos mundos, Unha utopía moderna...), parte da cal podemos ler no noso idioma, está refletida toda esa crítica social e política, así como a súa aposta no optimismo que se enxergaba cos grandes avances técnicos e os novos descubrimentos científicos. Mais tamén alertando dos riscos da confianza desmesurada nas máquinas, se estas non se puñan ao servizo da humanidade e non ao contrario, como costuma acontecer. Porque el, que prediciu autoestradas, avións, bombas atómicas, aterraxes na lúa, conflitos bélicos internacionais, convulsións sociais ou a enxeñaría xenética, ergueu firme a súa voz pola unión de todas as nacións do mundo a prol dun progreso sustentado na igualdade, o diálogo e a paz.

Unha lección para estes tempos en que a realidade virou distopía e viceversa, con cenas máis proprias da ciencia ficción.

Comentarios