Opinión

Ben haxa, Tameiga!

A orixe hidronímica do seu topónimo, que o emparenta con outros da xeografía galega (Tambre, Támega ou Tamuxe), e mesmo co coñecido Támesis londiniense, é como se fose toda unha declaración de principios. Auga, orixe da própria vida. Monte, floresta.

Sustentabilidade ambiental. Comunidade, rural e periurbana, por volta dun territorio. Direito a un desenvolvemento endóxeno, respeitoso coa natureza, co patrimonio, co asentamento poboacional. Verdadeiro compromiso contra a crise climática, frase na moda de certa clase política, que, vémolo ben aquí, lixa día após día. 

O que está a acontecer no vizoso val que rega ese río do concello de Mos é un novo episodio do saqueo e espolio que paira, tamén, sobre os nosos montes veciñais en man común, que representan perto dun terzo da superficie florestal galega. Unha nova confiscación con ar de pseudolegalidade e falsa modernidade que, como aconteceu nos tempos do franquismo, lle quer roubar a terra, o monte, a vida, ás súas e seus lexítimos donos, a veciñanza, que o herdou e terá que transmitir a quen veña depois, non como un ben privado, senón de titularidade comunal de orixe xermánica. 

Xa sabemos quen está detrás destas operacións que usurpan as nosas riquezas, os nosos recursos naturais, e despois nos fan pagar dobremente o seu roubo. A veciñanza comuneira de Tameiga tamén o sabe. A boa noticia é que lles está desmontando, unha a unha, todas as súas falcatruadas, decidida a defender os seus direitos , o seu monte, o noso monte e, en definitiva, a súa dignidade. Tamén a nosa. A súa loita ficou recollida nun documental, estreado o día 16 deste mes, en que se contan as decididas batallas, cheas de afouteza, que tiveron que librar desde finais de decembro de 2017 cando o concello anunciou, como feito consumado, a futura instalación dunha cidade deportiva e dun macrocentro comercial. A retórica barata xa a coñecemos. As verdadeiras consecuencias para o ben común, tamén.

Benzón, pois, para as xentes de Tameiga, que como as augas do seu río que se foron axuntando co Senlle primeiro, Louro e Miño despois, forxaron un océano de unidade e solidariedade. E que, como se ten dito, tal David contra Goliat, nos mostran, como xa fixeran outras, o camiño certo para, no seu caso, defender un monte cheo de vida, de patrimonio natural e histórico, multifuncional, sustentábel, que xera economía produtiva e beneficios sociais e culturais comunitarios na freguesía.

Comentarios