xoves 21/10/21

Abdulrazak Gurnah de Zanzíbar

En 2019, a Academia Sueca fixo unha promesa. Esforzarse en se tornar máis transparente –depois de ser atinxida por un escándalo de abuso sexual, outro de má conduta financeira en 2017, e pola escolla do austríaco Peter Handke, negacionista do xenocidio de Srebrenica, en 2018. E tamén prometeu axir menos eurocentrica e masculina, o que resultou nunha de cal e outra de area. As escollas da polonesa Olga Tokarczuk en 2019, da estadounidense Louise Glück en 2020 e, este ano, do zanzibariano Abdulrazak Gurnah dan conta de que realmente os dous propósitos se cumpren de forma alterna.

Gurnah nasceu en 1948 nas illas Zanzíbar –Unguja na súa lingua propria, o Swahili–, unha ex colonia portuguesa, alemá e inglesa, nación independente que finalmente foi absorbida pola Tanganica para despois constituíren a República Unida da Tanzania. A finais dos anos 60 do pasado século fuxiu do seu país e asentouse como refuxiado en Inglaterra, onde se tornou profesor de Inglés e Literaturas Poscoloniais na Universidade de Kent. É autor de 10 romances, sendo de entre eles os máis coñecidos Deserción e Paraíso (libro gañador do Booker Prize en 1994, e que marcou a revelación de Gurnah como escritor), sen traducións aínda para ningunha das variedades da nosa língua galego-portuguesa.

Segundo Anders Olsson, presidente do comité do Nobel, o premio foi outorgado por refletir a “penetración intransixente e compasiva dos efeitos do colonialismo e do destino das persoas refuxiadas no abismo entre culturas e continentes”. Os romances de Gurnah –continuou– “foxen de descricións estereotipadas e abren o noso ollar para unha África Oriental culturalmente diversa e descoñecida”, unhas afirmacións con certo cheiro a paternalismo e condescendencia, que lembra a atitude da Suecia –estado que tamén, lembremos, exerceu o colonialismo sobre países viciños, nomeadamente a Finlandia- perante os moitos refuxiados, sobre todo centroamericanos, que acolleu a finais do século XX.

Porén, a crítica literária Maya Jaggi parece distanciarse dese enfoque e afirma que o seu “lirismo elíptico contraría os silencios e mentiras da historia imperial impostos cando el era crianza na África Oriental. A súa obra sutil é tan robusta sobre as fallas brutais da cultura mercantil que el deixou como as atrocidades do colonialismo británico e alemán, en particular durante a primeira guerra mundial, e os ‘actos aleatorios de terror’ que sofreu como negro na Gran Bretaña”.

Abdulrazak Gurnah de Zanzíbar
comentarios