Opinión

A vía escocesa

A sólida maioría pro-independencia, que coñecemos no fin de semana pasado, resultante das eleicións parlamentares escocesas, irá acelerar o proceso da convocatoria dun novo referendo en Alba. Existen varios argumentos que deixan poucas dúbidas sobre a necesidade e viabilidade dunha Escocia independente. Entre eles, as fundamentadas razóns e o consenso social que o movimento soberanista escocés ten sido capaz de instalar na opinión pública, ou a fortaleza consecuente derivada do transversal Partido Nacional Escocés saber desde hai anos unir o seu pobo en torno das oportunidades que para o país se abrían. Non menos importante, o liderado consolidado e empático dunha primeira ministra mostrando que, tamén durante a pandemia, as saídas xustas ás crises non poden vir da aplicación de máis austeridade e cortes sociais. 

Aínda escaldados polos inquietantes resultados, tan ameazadores para as nacións sen Estado peninsulares, das tamén recentes eleicións en Madrid, enxérgase con clareza que na chamada guerra cultural, ou batalla polas ideas, non hai medios tons. Ou a dás e aspiras decididamente a gañar ou te dás por vencido xa desde o primeiro momento. A aposta na soberanía escocesa foi e é pola primeira das opcións, e os resultados están ben á vista. O nacionalismo escocés mantívose en todo momento firme na defensa das súas conviccións cívicas e democráticas e, por medio desa actitude, soubo superar o revés representado polo estreito resultado do primeiro referendo, para se armar de máis razóns e seguir avante.

Aquí e alí, as trolas e manipulacións ideolóxicas do unionismo espalláronse por terra, mar e ar. Mais a pedagoxía política, xunto coa acción pro activa dun governo que consegue aliar a defensa dos intereses do seu país a unha xestión solvente a prol deles, vainas desmontando unha por unha. Mesmo as máis nucleares, como a de que o nacionalismo é, por natureza, algo ruín, tentando vinculalo, con total fracaso, ás consecuencias do imperialismo ou do fascismo.

Diante dese nacionalismo "desagradábel" situaríanse os bons valores tradicionais británicos, verdadeiro aspecto nefasto do espírito colonial e imperial do chamado Reino Unido. Valores que o povo escocés asocia ao Brexit, como reacción á perda do supremacismo británico, e que estarían tamén na orixe das medidas que visan retirar os poderes do Parlamento escocés para poder promulgar lexislación de marcado carácter social. Tamén alí.

Comentarios