Opinión

O ' Procés' vira á esquerda

Por primeira vez desde que empezou o  Procés, este estará pilotado desde a esquerda. A vitoria de  Esquerra dentro do bloque independentista é a principal noticia dunha noite electoral en Catalunya que este domingo deixou sobre a mesa moitísimos titulares. Os de Oriol  Junqueras chegan ao  fín á ponte de mando da Generalitat despois de nove anos secundando gobernos liderados por  Convergència ou os partidos que derivaron dela, e ese movemento -provocado por un só escano- ten moitísimas derivadas. Dunha parte, reforza a aposta de  Esquerra por atenuar o choque co Estado e apostar polo diálogo mentres acumula forzas para tentar forzar o referendo pactado, e da outra, decanta cara á esquerda as políticas do Goberno catalán.

Máis aínda, se temos en conta que a suma de ERC e  JxCat non chega á maioría absoluta do  Parlament -fáltanlle tres escanos- e os únicos  aliados posibles que aparecen no horizonte son a  CUP ou, en segundo lugar, En  Comú  Podem. A desaparición do  PDECat -a pesar dos esforzos do  PNV por darlle aire no tramo final da campaña-, deixa o centrodereita independentista en franca minoría a partir de agora.

Esquerra será así a encargada de liderar esta nova fase do proceso soberanista, e farao co capital acumulado que supón para o independentismo rachar por primeira vez a fronteira do 50% do voto e coa forza que lle dan ao movemento os 74 deputados no  Parlament. Unha cifra significativa que se explica tamén, en parte, pola altísima abstención dos comicios do domingo. Non se pode obviar que, pese ao fito de lograr máis da metade dos votos, o independentismo deixouse case 700.000 apoios polo camiño e está lonxe dos dous millóns de sufraxios que logrou en 2017.

Con ese escenario e a forza que lle dá ter en parte nas súas mans a estabilidade do goberno de Pedro Sánchez en Madrid, o candidato de ERC,  Pere  Aragonès, tentará forzar agora ao executivo para negociar si ou si sobre o referendo. Con todo, tamén Pedro Sánchez saíu reforzado destas eleccións. A súa aposta por Salvador  Illa deulle unha vitoria en Catalunya que se lle resistía ao PSC desde 2003. Aínda que estéril, o resultado será seguro utilizado pola Moncloa para defender que a opción preferida dos cataláns é a súa e tentar rebaixar as pretensións do independentismo.

Ábrese así un novo escenario que, polo menos de entrada,  pivotará sobre a mesa de diálogo. Un instrumento que está a  punto de cumprir un ano sen avances, pero ao que os resultados deste domingo volven poñer no centro. Da valentía do PSOE e da unidade que saiba demostrar un independentismo que ten como primeira misión reconstruír as pontes internamente -a campaña non fixo se non acentuar as discrepancias entre  Esquerra e  JxCat-, dependerá o futuro dun ‘ Procés’ que agora vira á esquerda.

Comentarios