Opinión

O rexime acima da democracia

 

Permítame o leitor dar cabo do desacougo que arrastro hai tempo debruzado entre unha Galiza que non avanza no afortalamento e blindaxe do autogoberno -xa hai quen decide por todos- e a experiencia do Procés catalá determinado a expresar a súa disidencia política respeito á actual forma do estado español. Duas pulsións democráticas no que teñen de non valorar acaidamente as consecuencias da submisión do autogoberno a un goberno central inútil e corrupto que viña atizando o desconforto catalá en benefício próprio, ao cabo,de evitar a iniciativa e, por outra,  malia a persecución política, as consecuencias de ter medido mal os efectos represivos e intimidadores do  artigo  155  e aqueles outros paralizadores da arela do independentismo por alargar a base social  por medio dun relato de construción que axude a gañar o referendo que un dia terá que ocorrer.

 

Se a democracia é un pulo e non un rexime, un exercicio no que o pobo se enxerga como pobo, desas pulsións derívanse dous xeitos diferentes de producir conciencia democrática e que teñen alcance  global e fundamental.  Como se sabe o parlamentarismo burgués tende á pulsión tánica ou suicida, a unha concepción estreita da democracia que aparece submisa a unha norma imposta desde acima. Xa desde a segunda metade do s.XX reaxe unha pulsión erótica da democracia na que o pobo visa facelo todo por si mesmo. Este é un ponto crítico. Ninguén pode prever o vieiro ou a institución da vida pública en que ese proceso vai axir. Non se mide pola sua capacidade  tribunicia, nen ten un lugar obrigatório, nen protocolo nen cuestión prévia. En contra da redución conservadora da idea democracia como representación, mesmo asumindo o terreno institucional, non pode ficar centrada no hemiciclo parlamentar. Hai democracia alí onde o pobo ten necesidade de afirmarse como pobo producindo as condicións desa afirmación.

La-Ley-triunfando-sobre-el-mal-1920-Sedano

Así expostas as olladas, haberá quen pense que esta falta de sosego non debera cair no exceso de cuestionarmos a imparcialidade do Tribunal Supremo malia a réstea de sentenzas encontra que acumula o estado español no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo e ainda que  seguira sospeitosa e escrupulosamente aliñado ás posicións políticas dos gobernos españois quer do PP, quer do PSOE, mesmo a costa da violación de dereitos fundamentais que seica ten o deber de protexer. O estado español, o reino de España, ao cabo, atravesa a historia como evidencia dun país con moi baixa tradición democrática parlamentar continuada. O caso é que o xulgamento do Procés catalá é un exercicio de persecución política enfeitado cun relato, podemos dicir así, predeterminado desde que se sustraeu a causa, de maneira arbitraria e conivente entre acusación e TS, ao órgao legalmente competente, o TSJC. Non debemos surpreendernos, portanto, que o comezo do xulgamento aos políticos catalás encare a disputa entre a lei e a democracia. Porque unha cousa é saltar algún aspecto a lei, e outra ben distinta tornalo un golpe de estado con violencia que non se sustenta de forma algunha. Que sería, por certo, outro xeito de violentar a lei desde a lei.

 

No comezo do xulgamento a Fiscalia, baseandose no relato de rebelión  que o xuiz Llarena construiu para procesar aos líderes catalás por teren “impulsado unha masa de forza” contra a policia e a  comitiva xudicial, acusou  aos exmembros do Govern de ‘”axitar as  masas como muros”. Non é por acaso  que lle negue á cidadanía catalá o exercizo da súa soberanía polos seus méritos particulares, que non foran outros que o de distanciarse  pacíficamente do estado de masa apática ou consumidora cada catro anos da oferta dispoñibel no mercado eleitoral español. A tendencia a conservarse soberana  é como o demos  pode exercer o seucratos, o poder de seu, para  evitar ser ultrapasado por un arjéou mandado vertical.

 

“El tribunal ayer dio comienzo al juicio dando muestras de un impecable respeto al derecho de defensa. Este trámite no está previsto para un procedimiento ordinario, y sin embargo se ha permitido a las defensas exponer todo lo que consideran que puede afectar al desarrollo del juicio o a la imparcialidad del tribunal”, explicaba o portavoz da Asociación Profesional de la Magistratura. E pon en destaque o “exercicio de transparencia” de retransmitir en directo o xuizo. Impecabilis é o que non pode pecar. Só o trascendente transparece tras a cámara permanecendo inaccesibel ao pecado. Filipe VI está “exento” de declarar, mas o vídeo  da súa intervención o 3-O está incorporado á causa. É no fresco alegórico “A lei triunfando sobre o mal”  de  Sedano que cobre desde 1920 o teito do salón  do Tribunal Supremo onde aparece de xeito máis claro o que se xoga abaixo no plenario e non através desa operación de transparencia ou de xustificación ideolóxica denominada transmisión televisiva. Por se non ficara claro, a retransmisión do xuizo  non é garante de cualidade xudiciaria e democrática. O que transparenta leva consigo o que ela mesma achega para que ninguén imaxine que oculta algo.Para que non dubidemos…

 

Declaración de principio. A lei triunfando sobre o mal, a lei acima da democracia. Porén, en democracia, o poder ‘cratos’ deriva do pobo ‘demos’. Intaxibel mas é o lévedo. O estado de dereito, como é sabido, procura preservar a lei, fundamento e garante do que hai (status quo) encanto que os princípios dos sistemas democráticos  que non derivan en rexime procuran canlear e dar forma ás demandas democráticamente exprimidas pola cidadanía. A pintura do burgalés Marcelino Santa María Sedano expreme unha concepción tan barroca canto anacrónica da xustiza, coa a Lei encarnada nunha deusa belicosa, co capacete e coiraza militar atribuidos a Atenea e  conducindo dous cabalos brancos (que como o de Santiago, non son cabalos albardeiros que se adiquen á carga, mas de batalla ) que teñen aos pés unha luxuriosa malandraxe que representan alegóricamente aquilo que incomodaba na época.  Mas ese arquetipo de xustiza non  pode darnos a solución á demanda catalá. Apenas reprimila ainda por conta de liberdades e dereitos fundamentais.

 

Nos últimos tempos hai quen ten ficado seducido por unha idea ben estraña: a democracia baséase no cumprimento da lei (o imperio da lei, “lo que no es legal no es democrático”, segundo  expresión cara a Raxoi) até o ponto que, deixandose convencer  fan o proceso que lles facian todos aqueles que non, que eles non querian mais do que iso, para terminar coa derrota definitiva da esquerda (engada o leitor o compromiso e -ismo  emancipatorio á  vontade). Porque se aceitarmos que  todo o que non legal non é democrático, aceitamos non poder defender outra cousa senón os intereses da dominación.  Isto é, a frustración da esquerda na sua tentativa de facer unha política que poña en movimento algo alén da defensa dos intereses do status quo, quer dicer, da dominación polo democratismo, esa forma deturpada dos que encomendandose a democracia  en realidade apelan a dominación capitalista. Que exista  a posibilidade  dunha politica que non esté decidida polo capital, pola Lei, ao cabo, pola dominación.  Foran persuadidos de que era xusto facer desa falta un crime. O legalismo ideolóxico non ten outro sentido que a despolitización do pensamento. Procuro referentes internacionais no que soerguer esa idea do estado de dereito alicerzar a democracia, e non aquela que a miña má consciencia, naturalmente finxida, teima en presentarme do aveso: e non será a democracia quen funda o estado de dereito?Acomodamos a democracia ao imperio da lei de hoxe para que algúns procedan ao apagado da falta que os precedera, cando recusaran acomodarense a dominación de onte. Se non mudarmos  España, alomenos tomarmos poder nela.

 

Acontecera no congreso continental das  Trece Colonias, no asemblearismo francés e na Gloriosa, cando se acomodaran as leis  do estado de dereito ás demandas cidadás, mesmo cando estas mudaran a dominación por outra, mas unha que non os seguraba desde o exterior ( por medios coloniais ou militares). Non admira entón que nun sistema xurídico como o español sob o imperio da lei xa non haxa poder politico que  non teña  de ser partillado con xuices e maxistrados, financieiros e grupos económicos, entre eles, os de comunicación. A transición democrática española foi unha contrareforma democrática do franquismo, cuxa Constitución foi imposta a consecuencia de ter fracasado a derrota dun rexime totalitario. Para moitos a Constitución do 78  é simbolo de derrota, non de vitoria sobre o fascismo.  A súa continuidade non ten a ver coa conversión aos elevados valores democráticos (valores que non poderian deixar de interesar a ninguén), abondará enxergarmos que se apropriaran dos lucros da plusvalía democrática. Ese excedente deriva da Ley de Principios del Movimiento Nacional franquista de 1958  que Xan Carlos I de Borbón non tivo impedimento en abrazar para  abrazar a nova era xurando ante o pleno das Cortes, o partido único.

 

Eís tamén a  preconstitucional idea da integridade constitucional. Non é por acaso que o partido fascista Vox  e a avogacía do Estado argumentaran que o principio constitucional da integridade territorial está acima  do exercizo dos dereitos fundamentais e que, en consecuencia a esta xerarquía, poden ser suspensos e vulnerados se a poñen en causa. Atinou Salellas cando nos prolegómenos formais do xulgamento á demanda democrática que emana de Cataluña, asinalou que “non existe un dereito fundamental á unidade territorial”.  O título preliminar da Constitución de 1978 afirma a modo de principio metafísico que alicerza “na unidade indisolúbel da nación española, pátria común e indivisíbel de todos os españois”(artigo 2 ). Idea derivada da devandita “Ley de Principios del Movimiento Nacional” que contribue mais que calquer outra a dar corpo a unha ideoloxía específicamente española, ao terribel  mal-entendido que supón que os españois sexan titulares do horribel privilexio de abrazar unha ilusión que confunde  o poder para a acción co que é simples control. Un resto dunha ideloloxía totalitaria que se acaba presentando como unha visión de España unificadora, redutora de calquer diferencia.  

 

O que se enuncia como “unidade indivisibel” e non, digamos,  “como paixón pola liberdade pública”, “goberno do pobo”, algo  que chame a que o pobo siga a ser pobo e non regrese ao estado de masa apática consumidora de ásperos productos políticos. Ese principio “territorializa”, traza un “dominio” que aparece priorizado “como “dereito” sobre os outros que, a modo de precipitado, só “recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexions que a integran”, a posteriori. Un unitario lazo territorial que coloca acima dos dereitos fundamentais e da democracia un mandado vertical. Montesquieu define a democracia como rexime onde non abondan nen a lei nen a forza. En “De l’esprit des lois” afirma que a democracia precisa do lévedo da virtude que non debruza na cega obediencia aos representantes mas na libre adesión as leis, é dicer, ten de se amostrar como vontade do pobo a conservarse soberano, non apenas  o seu número mas tamén o exercicio racional dunha vontade.  Eís a ambigüedade fundante: só o pobo funda pobo e non un principio incontornabel. O pobo non pode ser constituido por un rei, nen por previlexiados cuxa fonte de privilexios veñan de fora, nen por unha instancia exterior ao corpo politico, nen por un mandado vertical, nen por un principio que axindo de xeito trascendente  transforme a necesidade abstracta de delegación de poder, a obedicencia democrática, en simples submisión, aburrimento colectivo e afastamento da política. 

 

De feito, a dominación estatal apelou á Lei cando interpretou que se lle causaba un perxuizo, non porque lle importe a xustiza. Apelou á forma máis solemne de persecución e de dominación que acubilla entre as “vellas” elites político administrativas como pegada autoritaria ainda que perseve doses mínimas de pluralismo. O que opón a lóxica do estado de dereito fronte a lóxica democrática é a defensa dos intereses da dominación. Este fracaso significa que unha lei se torna válida encanto conta coa aceitación e recoñecimento do “pobo”. Alomenos no sentido que todos outorgaban até hai pouco a esta palabra. Que o estado de dereito está submetido aos principios dos sistema democrático non é outra cousa que outorgación de lexitimidade.Porén, o demos sabe que xa non é indispensabel ao cratos. Ou, polo menos intue que os gaños da dominación fican imutábeis ainda  que teimosos  participen na fartura.

 

Enfítese mais unha vez o teito do Salón Plenario do Tribunal Supremo español, a pintura de Sedano non representa a Lei triunfando sobre a inxustiza, mas sobre o mal. A cegueira da xustiza apela ao desexo de dominación.  Ao contrário da alegoria de Saramago- non é un mundo que se vai cegando-  é a cegueira como operación que sempre usou a dominación para  facer acreditar que o interese da lei procurando  a mellor fortuna posíbel do demos tornouse unha operación desacreditada. Como a Atenea de Esquilo é xuiz e parte interesada, defensora do dereito patriarcal, lonxe da equidade aristotélica e da dúbida razonabel ao acusado perante a incerteza das probas acusatorias. Por iso cando se desobedece unha lei inxusta faise xustiza. Porque inxusta é a lei que restrinxe e vulnera liberdades fundamentais. Xa o afirmou o maxistrado Cadena: “Aquí lo que está en juego es el orden constitucional”. Quere dicir, o rexime, non a democracia.

Imaxe: A lei triunfando sobre o mal, Marceliano Santa María Sedano. Salón Plenário do Tribunal Supremo (Madrid)Foto:Inversa. Arqueologia y parimonio cultural.

 

 

Comentarios