Opinión

En Vilalba, Terra Cha!

O Día de Rosalía está coñecendo un impacto cada vez maior na súa celebración e esténdese con forza por toda Galicia. Este ano resultou para nós un feito destacado a enerxía explosiva con que Rosalía foi celebrada en Vilalba, onde o Concello, o Instituto de Estudos Chairegos e o grupo Nova Poesía Guitirica (NPG), en colaboración e alianza, impulsaron un programa ben ambicioso e completo. Do 11 ó 25 de febreiro as "Xornadas Rosalianas", cheas de actividades, conseguiron unha ampla participación cidadá, revolucionaron a vida cultural de Vilalba e forxaron uns vínculos entre o Concello capital da Terra Cha e a figura de Rosalía que sen dúbida serán renovados e polo tanto duradeiros.

Non é ningún milagre. Detrás está a conxunción entre a vontade social, a iniciativa cultural e o necesario apoio político. Está o esforzo, a creatividade e a asunción visible do paradigma rosaliano, sempre plural, de toda unha comunidade. A Vilalba chegaron en mostra pictórica desde Muxía, desde aquela costa retratada en La hija del mar, as mulleres "Rosalianas " de Viky Rivadulla. Ata Vilalba foron os monicreques de Larraitz Urruzola coa súa "Viaxe de Rosalía ". Os poetas da NPG penduraron dos farois da capital chairega poemas dedicados á nosa autora, poemas seus e doutros sesenta poetas de Galicia. A Biblioteca Municipal exhibiu unha mostra bibliográfica. Houbo conferencias no Auditorio para explicar o cando, o porqué e o como celebrar do Día de Rosalía. As numerosas mulleres poetas da Terra Cha recitáronlle en homenaxe con música da BMV Ensemble. Os institutos Lois Peña Novo e Basanta Silva traballaron o poema "Miña casiña, meu lar", fixeron representación teatral sobre o mesmo e elaboraron o Caldo de Gloria para ser degustado comunalmente. Houbo tamén música con Corredores de Sombra para a poesía de Rosalía de Castro e dos poetas chairegos. E ó dicir "Corredores de Sombra", guitarra eléctrica, voces, trombón e violín adiviñamos o sorriso do sempre íntegro e chorado sempre Agustín Fernández Paz. Non podía faltar tampouco a vilalbesa Beatriz Maceda, autora do manifesto "Sementando pensamentos" da AELG, que o leu diante dos seus veciños no mesmo acto en que Ialma, ese milagre de mulleres, música e palabra, foula e mais ronsel, nos pon a todos no noso sitio cando chegan a Galicia.

E da Casa de Rosalía saíu para Vilalba unha figueiriña, filla da árbore senlleira que é orgullo da horta da nosa autora. No mesmo acto en que un parque, un espazo público vilalbés recibía o nome de Rosalía de Castro, alí foi plantada á beira dunha escultura do canteiro Pepón, Xosé Gómez de Bernardo, que tiña entre os seus alicerces unha pedra procedente da propia Casa de Rosalía e que reproducía palabras do seu "Lieders". Acto memorable na historia de Vilalba e da Terra Cha, tan fértil en poetas non: unha verdadeira patria poética. Alí estaba convocada a memoria e o alento de Crecente Vega e Manuel María, de Díaz Castro e de Darío Xohán Cabana, de García Mato, Carmen Prieto, Chao Ledo... Pero a algúns aparécesenos a voz chairega irrepetible de Aquilino Iglesia Alvariño cando en 1958, ó pé da estatua de Rosalía en Padrón, nun verdadeiro acto de masas presidido en pleno franquismo polo idioma galego, remataba o seu extraordinario poema, un edificio excepcional sobre o oficio do poeta no mundo, dicíndonos ben claro e para sempre: "Na ribeira onde se fan os barcos ledos dos soños que non morren,/ o seu canto arbora claras bandeiras no mencer". Como e con que voz saudarían Aquilino e Manuel María e todos eles estas Xornadas Rosalianas en Vilalba, Terra Cha!

Que o rebo ou cachote ou simplemente pedra da Terra de Iria sexa agulla ou tranqueiro nos chantos da Terra Cha que cantan "eu son libre". Que a figueiriña que plantamos prenda e medre como van medrar as relacións do pobo vilalbés e chairego con Rosalía. Que medre como medrou o pradairo centenario Pravia no corazón da vila e volve medrar o liño nos liñares chairegos de Insua para a Festa da Tasca. E que os meniños que agora xogan e enchen de rechouchíos o parque Rosalía de Castro non deixen de brincar alí endexamais.

Comentarios