Opinión

O tempero de Barreiro

Deixounos Xosé Ramón Barreiro Fernández e fóisenos con el un piar fundamental, deses que soportan as cargas decisivas, de compresión e comprensión, da Galicia contemporánea. El foi directo á xénese, ó XIX de Faraldo e dos Precursores liderados polo seu mestre Murguía, para explicarnos de vez a xinea democrática e popular do proxecto que nos move. Hai un antes e un despois de Murguía, como hai un antes e un despois de Barreiro. Os dous vivirán soldados para sempre na historia da nosa liberdade.

Deixounos Xosé Ramón Barreiro Fernández e fóisenos con el un presidente da RAG que ergueu a institución, que a puxo en marcha e a dignificou. Con clarividencia e sentido de nación, o seu activismo levouno desde buscar un financiamento indispensable a apadriñar un acordo ortográfico histórico. Foi el quen abriu as portas da RAG e o seus arquivos, quen levou a Academia por Galicia adiante. E a Galicia de Barreiro era moi grande, en tódolos sentidos, e incluía os nosos arraianos de Asturias, do Bierzo, das Portelas e das Ellas. Endexamais poderemos esquecer que presidiu o acto central nas Letras Galegas de 2002 no Teatro Vilafranquino para renderlle homenaxe ó Padre Sarmiento.

Persoalmente non tiven a sorte de ser alumno seu, pero sempre que o escoitei sentinme un escolar que debe atender se quere ter acceso ás grandes claves da Historia da Galicia Contemporánea, que é a de Rosalía e Murguía e maila nosa, a través da comunicación oral dun auténtico mestre que dominaba coma poucos tódolos recursos da oratoria e da didáctica. El sabía moi ben que a investigación académica tiña que estar ó servizo de toda a sociedade, por iso foi mestre na súa cátedra universitaria e tamén en calquera praza, con atril ou sen el, onde había que difundir entre o pobo, sen renunciar ós grandes principios intelectuais do seu discurso, as claves do pensamento crítico e histórico das que era dono e que agora tamén a nós nos alomean.

Cunha voz que impuña, grave e vibrante, modulaba as súas alocucións con intelixencia e eficacia, mesmo cando improvisaba. Así o fixo ó presentar na Horta da Matanza a súa monumental biografía de Murguía no verán de 2012 en intervención para nós especialmente memorable. Non foron aquelas palabras súas unhas verbas de circunstancias. Deixounos moi claro e ben alto dito, a propósito de Murguía, que aquela Casa de Rosalía era a casa dun proxecto de liberdade e dignidade para Galicia que debiamos, con fidelidade ós Precursores, ir renovando, ampliando e fortalecendo día a día. Pouco despois pasaba a formar parte do plenario da Fundación, que tivo o privilexio de editar as dúas últimas entregas das Cartas a Murguía, volumes que coroan unha obra de enorme envergadura, feita en colaboración con Xosé Luís Axeitos, o seu par inseparable nas últimas décadas. A derradeira delas (Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas, 2020) enriquece aínda máis se cabe esta fonte monumental de datos sobre a parella e a súa familia, sobre a súa vida, a súa obra e o seu tempo. É de lembrar agora precisamente a orixinal interpretación de “Lieders” que Barreiro nos testou na súa intervención no Congreso Internacional dos 150 de Cantares (2013), na que sentaba as bases para a comprensión da personalidade política de Rosalía de Castro, el que estudara a fondo a de Murguía.

Deixounos Xosé Ramón Barreiro Fernández e fóisenos con el un tempero moi pouco usual na cultura galega contemporánea. Vexo no dicionario en liña da RAG, que puxera a andar o seu sucesor Xosé Luís Méndez Ferrín, que tempero se define como “maneira de ser, condición moral dunha persoa, particularmente da íntegra e valorosa”. Pois si. Tamén é tempero o erguedoiro, a peza que regula a altura do rodicio a respecto da entrada de auga que baixa pola canle. Dese tempero era tamén Xosé Ramón Barreiro: unha persoa que soubo regular nas súas responsabilidades e na súa acción pública as forzas que moven o rodicio con enerxía e intelixencia para que a moa sobre o gran dea a fariña axeitada e precisa en cada circunstancia. E sempre exhibindo unha condición moral íntegra e valente, desafiante das dificultades, do medo ou o desánimo.

Deixounos Xosé Ramón Barreiro Fernández. Quedan o seu traballo, a súa paixón intelectual e o seu exemplo. Unha fariña munda de futuro.

Comentarios