Opinión

Rúa Moncho Reboiras

Dodro é un concello ben pequeno. El vive entre os de Padrón e Rianxo, entre as augas das marés da Arousa que van e veñen polo Ulla e polo Sar e os montes de Valouta e do Treito e da Paradegua. É moi doado andalo de sur a norte e de leste a oeste. Sarmiento en 1754 entrou por Lestrobe e foi aldea por aldea, nomeándoas, até saír polas Escuras de Bexo camiño de Corrubedo. Dodro é ben pequeno. Entre as salvaxes brañas comunais da ribeira da ría de Padrón e os bravos matagais de cabalos ceibos do monte, voan as garzas esquivando as espadanas das tres freguesías á procura dos regatos pequenos e asombrando os nomes da auga, como Manuel Lorenzo Baleirón lle chamou ó conxunto por el salvado desta toponimia.

Doado é dicir Dodro é ben pequeno. Porén, estas catro cuncas de terra, de lameiros e toxeiras, son un mundo que non daremos nunca andado. Porque Dodro é pequeno en extensión, pero, como dicía o outro, é un universo en fondura e entidade. Coma tódalas cousas, incluídas as consideradas pequenas. Coma Galicia.

O verdadeiro grandor de Dodro acaba de medirse moi recentemente. Neste mes pasado o seu Concello aprobou por unanimidade nomear Filla Adoptiva a quen puxo na cartografía literaria galega para sempre as brañas de Laíño e as veigas de Lestrobe, coma se fosen bandas imaxinarias de opostos cando son parceiras e complementarias. As Torres de Hermida familiares foron un centro vital e literario de primeira importancia para Rosalía. Alí viviu de solteira e de casada, alí lle naceron os fillos Gala e Ovidio, bautizados en Santa María de Dodro, nunha pía barroca recente e gozosamente recuperada. Alí, desde as fiestras que dan ó Meda e ás ribeiras da ría, podemos evocar a chuvia miudiña do poema pingando polos nomes, os de auga e os de vento, de toda a Terra de Iria. Alí ollamos agora todos, sempre nas mesmas fiestras, a crónica magnífica que é "Padrón y las inundaciones". Alí podemos imaxinar ou lembrar aínda como os palleiros de millo no inverno na planicie inundada da veiga parecen tendas dun exército espectral, ou como aquí máis perto do pazo os piñeiros leixados do vento veñen cara nós, semellantes ás arboredas de Birnam no Macbeth, voando nas ás dun vendaval de suradas e galernas. Tamén desde esas fiestras temos que baixar polas "Orillas del Sar" das Torres de Hermida abaixo, para perdernos en Fondóns e, co corazón encolleito, diluírnos no ocaso, na morada desmantelada e fría, no deserto.

E o grandor de Dodro é que un goberno municipal presidido por unha coalición de esquerdas e nacionalista sexa quen de devolverlle a dignidade ó propio Concello póndelle o nome de Moncho Reboiras a unha rúa principal na súa aldea de Imo cadrando co aniversario do seu asasinato. Velaí un xesto que fai grande, moi grande a Dodro. O grandor dunha terra e dun pobo mídese tamén pola dignidade que posúe. Recoñecer institucionalmente a figura de Moncho Reboiras, recoñecer a lección que Pepe de Loureiro lle deu á Galicia contemporánea é medrar ferrados de dignidade coma area. Sobre todo porque é vencer o medo, vencer a ira, vencer a tutela ideolóxica que pervive, este si coma un silente espectro ou sombra, desde posicións antidemocráticas derivadas do franquismo. Un espectro terríbel, grande e poderoso que o humilde Concello de Dodro acaba de vencer.

Imo e todo Dodro xa se implicara masivamente na proxección pública de Acción e corazón de Alberte Mera, como seguiu entregado no mesmo espazo emblemático da Lavandeira a presentación de Reboiras, o camiño da rebeldía de Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro. Pero o signo definitivo, memoria e honra, estivo na feliz e rexa iniciativa do goberno local.

Os coches de liña e os de punto, os cameóns da alta noite, as bicicletas e camiñantes, todos van e veñen de Padrón a Rianxo como foi Sarmiento, van e volven de Rosalía a Castelao. Agora todos pasan, aínda que sexa sen sabéreno, pola rúa Moncho Reboiras, esa vía que nos leva á dignidade e á liberdade. Agora, de novo, desde as brañas de Laíño ata os montes de Buxán, tacholado de luces é o ceo inmenso de Dodro Vello. Ti dis: —Dodro é ben pequeno. Velaí o tes: un mundo.

Comentarios