Opinión

Ría de Padrón

A recente polémica sobre a denominación da Ría de Ribadeo puxo de manifesto que as cuestións onomásticas poden chegar a converterse en cuestións políticas, ou viceversa, aínda que sexa ás veces cun cativo perfil. Iso si, a unidade lingüística e cultural que hai a unha e outra banda do Eo non a vai tumbar ningunha resolución do Instituto Geográfico Nacional. E a capitalidade social de Ribadeo para todo ese territorio mariñao, tampouco. O parlamento asturiano, incapaz de facer oficial o asturiano e o galego na propia Asturias, métese nestas batallas e déixase ir porén cando cómpre defender con urxencia o futuro das linguas asturianas na súa propia patria. O Eo é dunha banda e mais da outra. E os botes de vela de Ribadeo, que se fan nas carpintarías de ribeira de Castropol, van e veñen pola ría. Iso si, a poeta Belén Rico Prieto ou Armando Cotarelo Valledor son da Veiga e nunca serán de Vegadeo. Porque a falta de respecto pola toponimia, desde a ría de Ribadeo á ría de Navia, é absolutamente ofensiva, en particular para a filoloxía e en xeral para a cultura. Fermín Penzol vive e resiste. E Natalia Jardón tamén: o elefante na habitación, por moito que queira ignorarse, está aí. Poden negalo ou silencialo ou escribilo en plan Santaya d´Ozcos. Pero vai seguir aí.

Na Terra de Iria, a de Rosalía de Castro, é unha expresión perfectamente viva e a xente de Cordeiro que casa en Laíño casa na banda do mar

A propósito deste tema, creo que o concepto xeográfico de ría é relativamente moderno. Meendiño, Xohán de Cangas ou Martín Códax non falaron de ría (de Vigo ou de Aldán). O Padre Sarmiento, si. El, que describiu a de Pontevedra nas primeiras páxinas do seu Coloquio enchéndoa de toponimia, comparaba os anuncios da morte do primeiro Borbón en Madrid, por boca de Xepiño dos Merlos, coa treboada "E mais cos estoupos, /que as pezas de ferro, / estralan co fogo, /  na ria, de preto". Pola súa banda tamén Rosalía empregou a palabra ría en varias ocasións referíndose, sen dúbida, ó Ulla postremeiro. En Flavio, "la ría seguía su camino hacia el mar, entre fecundos sembrados de maizales y viñedos". No corazón de En las orillas del Sar: "la iglesia, el campanario, el viejo muro, / la ría en su curso varia". En "Padrón y las inundaciones" contrasta o apracible "seguir con la envidiosa mirada la lancha que, con la vela al viento, cruzaba la ría hacia el mar" co terrible "el lugar de Cesures iba quedando completamente cercado por el poderoso enemigo, y por un lado la ría y el Ulla, y por otro el Sar, amenazaban arrebatarle en sus engrosadas e impetuosas corrientes". Por se houbese dúbidas, na coñecida escena náutica descrita desde as Torres de Hermida en Lestrobe de "Como chove miudiño", á inchadiña branca vela dunha dorna que entre o millo corre soa, na seguinte estrofa, "faille arrolo a branda ría". Esa é a ría de Padrón, ese é o mar de Rosalía: un mar aberto no que navegaron non hai moito, en asturiano, Berta Piñán e María García.

Hoxe está totalmente en desuso Ría de Padrón e por suposto nunca existiu Ría do Ulla. Pero na cartografía antiga, cantigas populares e en moita da onomástica literaria que coñecemos é relativamente frecuente. Ás veces denominando mesmo o que hoxe chamamos Ría da Arousa e outras, as máis recentes, o tramo navegable que vai de Cesures ó Carril. Por outro lado, sexa de Padrón ou da Arousa, as bandas da ría teñen cadanseu nome. Calquera que lea A fiestra baldeira de Rafael Dieste pode comprobar que ir á banda de leste desde Rianxo, ou simplemente ir a leste, é ir a Vilagarcía. As lanchas e balandros rianxeiros da memoria aínda andan con Sinforosas e Caramañolas que van e veñen de leste con carga de mandados deixando de couse ou meo a poutada de pedra que ten Manuel Antonio, gardián da ría, no illote da Malveira. E a banda de Laíño e a de Lestrobe son a mesma banda ca Rianxo, a banda do mar, e vai das brañas de Dodro deica os areais de Ribeira. Na Terra de Iria, a de Rosalía de Castro, é unha expresión perfectamente viva e a xente de Cordeiro que casa en Laíño casa na banda do mar. É mágoa que na onomástica da cartografía actual se prescindise desta nomenclatura e para a banda do mar, a marxe dereita da ría, se inventen cousas coma Arousa Norte.

Abride os mapas que quero ve-la ría, ordenou o Instituto Geográfico Nacional.

Comentarios