Opinión

Ou ti, roxa estrela!

Desde que a Agrupación Astronómica Ío da Coruña conseguise mobilizarnos a todos para que unha estrela da constelación de Ofiuco levase o nome de Rosalía de Castro, non cesaron as observacións astronómicas, verán e inverno, desde a horta da Casa da Matanza. Normalmente en dous pases, Martin Pawley e Xabier Pérez Couto iluminaron o mapa do ceo, para nenos e adultos, con explicacións verdadeiramente interesantes que sempre ían moito máis alá do propiamente astronómico. Alí foi observada, como non, a nosa estrela. Pero tamén as diferentes paisaxes estelares (e a simple vista!): a que mostraba a Xúpiter con Saturno e Venus despois do solpor, as constelacións típicas do verán e as do inverno, e sempre facendo fincapé no seu nome galego (Balea, Augadeiro, Aguia, Seteiro...) e na onomástica popular, tan esquecida: as Estrelas do Leite (cinto de Orión), a Galiña cos Pitos (Pléiades), a Estrela Panadeira (Venus)... En todas as observacións se fixo fincapé nos intensos vínculos entre Rosalía de Castro e a noite e tamén na necesidade de defender a paisaxe nocturna contra a contaminación luminosa de emisións moitas veces innecesarias.

Agora Martin e Xabier, tan amenos nas súas explicacións, sorpréndennos analizando o verso en que Rosalía fai alusión a unha roxa estrela que naceu canda ela. Como se fose símbolo da súa propia vida e do seu fado, así fala a padronesa no corazón de "Do íntimo", no corazón de Follas novas: "Ou ti!, roxa estrela / que din que comigo / naciche". Deixamos dito noutro lado que, máis que indicar a boa sorte no nacemento mediante as crenzas astrolóxicas (nacer con boa estrela), o que aquí cremos interpretar é que sobre a persoa da autora houbo, segundo ela mesma recolle, o dito de que con ela naceu unha estrela e ademais unha estrela especial, roxa. Polo tanto naceu cunha estrela, canda unha estrela. Martin Pawley e Xabier Pérez Couto elaboraron unha hipótese de evidente rigor astronómico que explicaría a verosimilitude do vínculo entre o nacemento de Rosalía e o nacemento dunha estrela. Segundo a súa hipótese, ás catro da mañá do 23 de febreiro de 1837 (datos referidos ó nacemento de Rosalía que agora coñecemos con certeza) teríamos un típico ceo invernal, dominado nas primeiras horas da noite polas constelacións dos Xemelgos, o Auriga, o Touro, Orión, o Can Menor e o Can Maior, cuxos astros máis brillantes debuxan o chamado "hexágono do inverno". Pero aquel febreiro trouxo unhas efemérides astronómicas rechamantes. A primeiros de mes tanto Xúpiter como Marte, moi preto entre si, entraban en oposición coa mínima distancia á Terra. Tiñan que chamar poderosamente a atención e Marte, o planeta vermello, de xeito especial: multiplicou o seu brillo por dez nuns meses e alcanzou o seu máximo esplendor xusto uns días antes do parto.

A interpretación astronómica do verso que realizan os amigos da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío parécenos moi axeitada. A mingua posterior do brillo de Marte encaixaría mesmo coa continuación dos versos rosalianos: "xa que non pudeche / por sempre alumarme…!". E é lóxico que con esta "roxa estrela" nos veñan á acordanza os versos de Curros, coma un substrato permanente, da man dos de José Martí: "Ai, dos que levan na frente unha estrela!", "luzca en mi frente / mejor la estrella que ilumina y mata". Velaí a estrela da liberdade.

Agora que de novo chega o Día de Rosalía e as institucións e moitas das entidades implicadas na súa celebración se xuntan e coordinan, agora que as gaitas se preparan para lanzarlle ó mundo a esperanza e a alegría da Alborada rosaliana, é un bo momento para lembrar tamén, coma en Novalis, a importancia da noite en toda a súa obra. A noite e os abismos que representan tanto o brillo do vagalume entre o musgo coma o dos astros nas alturas, todos destinados, coma nós, por permanentes que nos parezan, a camiñaren cara ó seu final.

O extraordinario brillo da estrela que saudou o nacemento de Rosalía minguou e reavivouse varias veces desde aquela. Era o planeta Marte. Tamén Rosalía fai que no seu poema todo mude e todo pase, todo naza e todo acabe. Pero todo dalgún xeito pode tamén rexurdir. Cada vez que chega febreiro a roxa estrela de Rosalía ergue o seu brillo permanente de esperanza e liberdade para singrar, renacida, os mapas estelares de Galicia.

Comentarios