Opinión

Nun perenne, eterno maio

"Levántate maio, bastante durmiche!". Visten dos pés á cabeza unha capa feita con cañaveiras apañadas esa mesma mañá na ribeira do Burbia. Algunha flor engade enfeite ó manto vexetal. Pouco antes do medio día, repartidos en catro grupos que saen desde o Castelo ou Campo da Galiña, a Cábila, as Veigas Altas e o Socubo, andan repartidos polas rúas de toda esta vila do Bierzo máis dunha ducia de maios mozos acompañados do canto do día e da música das gaitas, maiormente da Escola de Gaitas de Vilafranca. "Tire castañas señora María, tire castañas que as ten na cociña". Van de porta en porta ata se xuntaren na Praza Maior, momento de certo éxtase no que se suspenden medos e fames do inverno en ledicia comunal. "Levántate maio, bastante durmiche! Pasou un burro e non o sentiche!".

Entra o maio en Galicia con forza polo Bierzo, pola Vilafranca de Sarmiento, de Fernández Morales e González Alegre, a terra de Antonio Pereira e Juan Carlos Mestre, a de Marisa Cela e Héctor Silveiro. O maio de sol e aromas cheo, o maio das rosas e alegres alboradas, que cos mesmos ledos corazois, pasa por Valdeorras e o Córgomo de F. Delgado Gurriarán. O maio que este ano nos trouxo unha publicación magnífica na Casa da Matanza: Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía. Nela, María López-Sández, María Isabel Fraga e Miguel Fraga (fotografía) agasállannos coa edición do herbario elaborado polas dúas primeiras. A filóloga e a botánica complementaron os respectivos ámbitos de estudo e levaron adiante o proxecto. Primeiro o rexistro de citas de Rosalía (543 en total) e logo a procura dunha selección significativa de plantas e flores seguindo os seus ciclos e atendendo mesmo as localizacións en espazos rosalianos. O espectacular resultado deste esforzo, cos seus 150 pregos que inclúen tanto a planta como a súa identificación onomástica e botánica e a respectiva cita literaria, foille doado á Fundación da nosa autora e consérvase  no seu arquivo. Agora, coas fotografías de Miguel Fraga, é accesible a través desta publicación, que mantén a estrutura do conxunto. Concédeselle un especial protagonismo á rosa, que é raíña das flores na obra rosaliana. Logo están as seccións de "Herbas do campo frorido", "Herbiñas do camposanto" e "Árbores" e finalmente unha "Varia" que recolle arbustos, froiteiras, hortícolas... E todas co seu texto introdutorio e explicativo.

Estamos, claro é, diante dun herbario literario que no noso caso tanto pode evocar o que efectivamente elaborou de Emily Dickinson en 1854, cando mal tiña 14 anos, como o conxunto de referencias que poetas coma William Wordsworth fixeron da natureza vexetal espontánea, como así fan as autoras. En todo caso e paralelamente, O herbario de Rosalía camiñará acompañado dunha exposición con escolma de láminas, que xa foi inaugurada con éxito notable no Real Xardín Botánico de Madrid. Alí plantamos unha figueira da Casa da Matanza evocando aquel Madrid de 1861 no que vira luz primeira vez a lingua galega de Rosalía co poema dos camiñiños entre o millo ou as amoriñas das silveiras e polo tanto tamén das figueiriñas que plantei. Aquel Madrid da Castela que Rosalía imaxinou para nós seca, árida, poeirenta en antítese paisaxística e política cunha Galicia irrigada por vinte mil fontes e ríos, cuberta todo o ano de herbas e de flores e onde o carballo se erguía como emblema arbóreo nacional ó xeito de Hölderlin.

A mesma contradición paisaxística de Rosalía foi retomada por Gurriarán en México no seu "Hai sede na Nova Galicia ", que comeza coa "Sede nos ermos outeiros / e nas poeirentas chairas, / nos arpados nopaleiros, / sede nas enxoitas airas" e remata coa "Sede en min nunca amatada, / sede en min xamais dormida, / da verde Terra arelada, / e das choivas benquerida". O rosaliano exilio económico dos segadores en Castela é agora un exilio político en ultramar do valdeorrés. Velaí a "Verde Terra" dos primeiros versos do Coloquio de Sarmiento, que reescribiu con portento Rosalía e despois seguiron escribindo Pondal ou Cabanillas ou Otero ou Delgado Gurriarán. Velaí a Grande Fraga, esa nación vexetal que está detrás deste herbario, ese maio longo que nos move en espiral da Terra de Iria ó Bierzo.

Comentarios