Opinión

María Cardarelly

Recentemente foille concedido o premio Ramón Baltar Feijóo de ensaio a Carlos Iglesias Castelao pola súa obra As orixes da fotografía en Galicia (2018, Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago). Trátase dun premio de carácter bianual convocado pola Fundación Rosalía de Castro para darlle o relevo que merece ó fondo documental que a familia Baltar García-Peñuela depositou no arquivo da Fundación e que hoxe está dixitalizado e en proceso de ser editado. A obra galardoada ten desde logo múltiples méritos. Por un lado está a investigación e a análise que soporta o contido global, nas que se ve un traballo intenso, dinámico e rigoroso. Por outro, como non, a capacidade do autor de comunicar con estilo axeitado as súas descubertas. E non é menor mérito o feito de se-lo seu un ámbito de investigación pouco visitado nos estudos culturais contemporáneos nin de o traballo recibir un excelente coidado editorial á hora de publicarse.

Entre as varias revolucións que viron luz no XIX está sen dúbida a da fotografía. Así que As orixes da fotografía en Galicia, centrada en Compostela, é unha obra pioneira para unha actividade e unha nova arte da imaxe naquel tempo tamén pioneiras. O autor é moi consciente disto, por iso se interna nos contextos sociais e relacionais, decisivos para entende-la xénese e primeira evolución da fotografía entre nós: fotografía de estudio e de ambulancia, progresistas, masonería, mulleres fotógrafas...

As imaxes de Rosalía que nos deixou María Cardarelly son dunha mesma sesión, que o investigador sitúa por volta de 1865

Coñecemos a Carlos Iglesias Castelao desde hai uns anos. Aínda que non é galego, coma se levase no segundo apelido un estigma, el asumiu a realidade cultural e lingüística do noso país como propia. Con el fomos testemuñas dalgunha das súas descubertas no arquivo da Fundación Rosalía de Castro. Reparou en que a única fotografía que conservamos da nai de Rosalía, Teresa de Castro e Abadía, era de Vicente Pérez Sierra, cuñado do Louis Encausse. A propósito deste tamén descubriu que era da súa autoría o retrato no que a nosa autora aparece de corpo enteiro, apoiada sobre unha cadeira e cun pano de fondo no que se debuxa a fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. O investigador tamén puxo en cuestión que o extraordinario retrato familiar na horta da Matanza de 1884, o derradeiro da nosa autora, sexa de Manuel Palmeiro e propón, con toda cautela, pero con toda lóxica, que o retrato dunha nena asinado por María Cardarelly e pertencente ó álbum familiar custodiado na RAG é de Alexandra Murguía.

Así e todo, o que máis nos chama a atención do seu estudo en relación a Rosalía son as páxinas dedicadas precisamente a María Cecilia Cardarelly Bousquet (1845-1910), considerada a primeira fotógrafa en Galicia. Estúdanse as orixes familiares desta muller nada en Zaragoza, as súas raíces vasco-provenzais, o oficio de tintureiros co que chegaron a Galicia, primeiro a Lugo e logo a Compostela, as súas residencias na rúa Nova e na do Hórreo... E logo da súa dedicación á fotografía, “coma un lóstrego”, dinos Castelao, o seu paso por Ferrol e os sucesivos matrimonios. Unha vida de verdadeira novela. Neste punto non nos pasa tampouco por alto que varios dos fotógrafos de Rosalía teñan raíces lonxe de Galicia e no estado francés: Encausse, Sellier e Cardarelly.

A primeira fotógrafa da Galiza retrata en dúas imaxes fascinantes a firmeza e a decisión da primeira escritora profesional galega

As imaxes de Rosalía que nos deixou María Cardarelly son dunha mesma sesión, que o investigador sitúa por volta de 1865. Rosalía, con capa de tafetá de seda, mostra un recollido do peiteado cunha rediña adornada de abelorios ou perlas. Nada de sombreiro e menos de mantilla. Na foto descuberta en 2013 olla de esguello e mostra un sorprendente parecido nos perfís coa Rosalía xa madura pintada por Modesto Brocos. 

Acabamos de saber polas páxinas de La Joven Galicia que as dúas mulleres compartían unha mesma afección polo teatro, dado que pertenceron á Sección de Declamación do Liceo de la Juventud, e que as dúas participaron como actrices a primeiros de 1860 nas funcións benéficas para a Guerra de África. Tiñan daquela 15 e 23 anos, respectivamente. Moi pouco tempo despois, a primeira fotógrafa de Galicia retrata en dúas imaxes fascinantes a firmeza e a decisión da primeira escritora profesional galega.

Comentarios