Opinión

E a lata na que o pámpano coa 'rosa se alía'

Presentouse este día, editado pola Universidade de Vigo e grazas ó empeño de Fernando Ramallo, o terceiro dos volumes que reúnen os artigos da serie No fondo dos espellos, publicada no Faro de Vigo entre o 2007 e o 2020. Foi no MARCO vigués, antiga cadea de Príncipe, onde cadrou coa exposición do Leiro máis antropomórfico, e alí compareceu autor: Xosé Luís Méndez Ferrín. Alguén lembrou que o lugar evocaba as dúas veces que Ferrín estivo preso naquela cadea, en 1967 e 1969, ou os artigos que precisamente o autor dedicou a defender o edificio da predación inmobiliaria para preservar a memoria da represión política alí exercida. A min, particularmente, fíxome acordante dunha novela que sucede nesta mesma prisión, protagonizada por un comunista e independentista, no tempo dunha Tagen Ata Autonómica: Bretaña, Esmeraldina. Mentres, na sala impúñanse as masas escultóricas de Leiro, fuxidas da vixilancia e control do panóptico.

A longa e intensa traxectoria de Ferrín, desde o Litoral de Pontevedra ó Faro de Vigo, levouno por numerosas publicacións de todo tipo, polo Vieiros do exilio, polos Terra e tempo e Espiral clandestinos, por varios pseudónimos e heterónimos, algún deles inesquecible, coma o de Dosinda Areses, vella republicana e anticonstitucional, nada coma Éluard pra nomear a liberdade e da que Antón Capelán xuntou as Prosas completas (1998).

En artigo eterno, Ferrín describe como Nerval chegou a Compostela ás portas do verán de 1836, como coñeceu a Teresa de Castro e se converteron en amantes       

Esta dilatada traxectoria, oceánica e viva até hoxe, pode ser comparada á de Cunqueiro ou á de Otero, mestre recoñecido, tamén por Sonsoles López (Co son honrado das antigas falas, 2001). Os seus miles de artigos, así e todo, cargados con frecuencia de contra-opinión, ofrecen unha relación pouco escrava coa "actualidade" e sempre manteñen un elevado perfil literario. Os de No fondo dos espellos poida que aínda máis. Ferrín fala de todo, da política local e da internacional, da de Galicia e da de España, sempre con posicións críticas e documentadas, da ditadura forestalista ou da freguesía invisible; fala de literatura medieval e contemporánea, da galega ou da Weltliteratur, de Reimundo Patiño ou da vangarda soviética, do Aquilino Ribeiro ou do Iglesia Alvariño. Os espellos cos que traballa Ferrín son eses que nos permiten evitar a refracción da auga, como fan os pescos da solla, para accedermos ó fondo, ás raíces: Gallaecia ou 1972, poño por caso. O espello sobre as sombras mostra o que está aí detrás ou debaixo, os substratos e maila historia, e o que non se mira. Aquí podían ser Sarmiento ou Fernández Morales, o galego de Lubián ou o de Cáceres, os cabalos, os curros, o Galiñeiro.

Un magnífico exemplo de todo isto está constituído pola serie de artigos desta sección dedicados a Rosalía de Castro e publicados a finais de 2007. Un dos primeiros é a primorosa descrición da fotografía familiar na horta da Matanza (1884): "Ela, natural, fai emerxer á luz o propio rostro e olla cara nosoutros, a posteridade. (...) Non se retrata con sombreiro, porque Ela é progresista ou sexa muller de esprito libre". Tampouco falta a crítica da falsa "novela familiar", tan divulgada nas biografías, e que lle outorga á nai un rol ben feo. Pero o que nos chama poderosamente a atención é a presenza de Gérard de Nerval, que rima con Eduardo Pondal. O parisiense en laúde, constelado, "porte le soleil noir de la Mélancolie", coma o bergantiñán camiña "con un escuro lóstrego na frente". Pero máis alá de Julia Kristeva, que tampouco coñecía a Rosalía e a súa negra sombra para o soleil noir, resolve Ferrín o criptograma dun verso dese mesmo poema "El desdichado": "et la treille où le pampre à la rose s’allie", "e a lata na que o pámpano coa rosa se alía " (ROSALÍA). E a partir de aí, en artigo eterno, Ferrín describe como Nerval chegou a Compostela ás portas do verán de 1836, como coñeceu a Teresa de Castro e se converteron en amantes e como prodigaron o seu amor no Lestrobe das Torres de Hermida á sombra das latas ou treilles ou parras de albariñas uvas no fragor da esfarna.

Nas galerías de Príncipe, Nerval e Teresa de Castro, "la fleur qui plaisait tant à mon coeur désolé", acenaban presos entre as sombras e as masas de Leiro.

Comentarios