Opinión

Irena, Marta e Cataliña

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, todo un dinámico e activo faro da cultura na cidade da Torre de Breogán, realizou nestes días pasados unha ruta co título de "A Coruña, cidade da Literatura". Os espazos da proposta, seguida por numeroso público, foron tan só uns poucos escollidos dos moitos que esta cidade ofrece e o camiño levounos desde o Teatro Rosalía de Castro á Praza da Fariña, chamada actualmente de Azcárraga. É de lembrar aquí, como antecedente, aquel Cortexo Cívico das Letras, que baixo a dirección de Pepe Barro e os veciños da Cidade Vella, paseou durante varios anos a cultura galega por aquela mesma xeografía, un territorio capital para a historia de Galicia, aínda que política e institucionalmente hostil naquel tempo. Juana de Vega, Antonio e Francisco de la Iglesia, Pondal, Curros, Rosalía, Carré Aldao, Ánxel Casal, Lois Pereiro, Luísa Villalta... E non se nos debe esquecer Murguía, agora que imos celebrar o seu centenario. A cidade de Murguía é A Coruña. A "casa" de Murguía sempre foi A Coruña.

Pero ademais de nomes, A Coruña é tamén unha cidade de importantes e moi simbólicos espazos literarios. Imposible aquí non lembrar o Xardín de San Carlos. Por iso cómpre saudar a lección da Alexandre Bóveda a respecto de recuperar un espazo, un autor e unha obra que agrandan aínda máis a poderosa rede histórica e xeográfica que para a literatura galega e en galego ten a cidade.

Sería ben boa homenaxe para o coruñés Salvador Francisco Roel e para o seu Entremés que 300 anos despois a obra se volvese representar na Coruña

A primeiros de setembro de 1707 e por actores afeccionados foi representado na Praza da Fariña, que era a do Concello, un entremés en galego escrito polo coruñés Salvador Francisco Roel e dedicado ó nacemento do primoxénito de Filipe V, o futuro Luís I. O texto imprimiuse algo despois, non máis alá de 1712, e recentemente foi descuberto por Xulio G. Montañés. Laiovento reeditouno no 2019 para facelo accesible a todo o mundo. Con esta descuberta retrotraemos cen anos a aparición do primeiro impreso autónomo en galego, seguimos desmentindo a historiografía literaria convencional sobre os chamados Séculos Escuros e dámoslle ó teatro un papel clave na resistencia. Pero na obra aínda hai máis. Hai unha ortografía e uns personaxes que demostran a existencia dunha tradición escrita e literaria, polo menos teatral, que procede dos séculos anteriores. Hai propaganda política a favor do primeiro Borbón, como tiña que ser, pero non faltan, entrefebrados, algúns aspectos críticos. Salvador Francisco Roel tiña oficio de escritor e, desde logo, sabía manexar o idioma galego con altura literaria dentro dun xénero considerado menor como é o entremés. Os compadres Afonso, Alberte e Cristobo falan de política, pero cando coas mulleres chega a festa, chega o pernil e mailo viño, e chega a música de pandeiro e de ferreñas, tamén chega a crítica social e política disparada no medio da suspensión de clases e ideoloxías e baixo o paraugas do inferior bakhtiniano. E son elas quen expoñen a súa humildade fronte ás riquezas e luxos da Corte, son elas as que se queixan dos trabucos, as que se queixan da pillaxe das levas. Son elas, como corenta anos despois será Maruxa das Rulas, a meniña traballadora, quen na Chan da Parafita de Sarmiento denuncie esa mesma pillaxe dos sen papeis galegos segadores en Castela efectuada polo mesmo rei, ese que no Entremés acaba de ser pai e que, "Oh, mon Dieu, mon Dieu!", morre no Coloquio. E a meniña gaiteira de Rosalía é filla de Maruxa, filla de Irena e Marta e Cataliña. Velaí toda unha estirpe social, política e literaria para quen ande a buscar ou elaborar un Familienroman de outras, altas e distantes distincións.

Por todo iso, sería ben boa homenaxe para o coruñés Salvador Francisco Roel e para o seu Entremés que trescentos anos despois a obra se volvese representar na Coruña, na cidade do teatro histórico galego, e na Praza da Fariña. Estaría ben, desde logo, que trescentos anos despois estas personaxes do pobo representadas por homes e mulleres do pobo, regresasen e trouxesen alí mesmo, ó corazón da Coruña máis alta, onde era o teatro do poder e dos señores, debaixo do disfrace da propaganda borbónica, o idioma, a cultura e as eternas esperanzas do pobo.

Comentarios