Opinión

Ide a San Momede

Desenvolvéronse en Bueu, na terra de Johan Carballeira, na freguesía de Beluso, que é por Bon a de Miriam Ferradáns, e no adro da ermida de Sanamedio, que é o San Momede de Johan de Cangas, unas densas Xornadas de Poesía e Mar. Non podía haber un espazo máis axeitado, con oito séculos de literatura ó lombo, moi ben soportados ó pé da ría de Aldán e con Ons ó lonxe, para reflexionar sobre a presenza histórica do mar na nosa literatura e para reivindicala desde os nosos días. Alí se congregaron os trobadores e xograres da Ría de Vigo, que parecen especializados, á beira do mar, na vindicación dunha ermida (Meendiño e Johán de Cangas) ou dunha igrexa (Martín Códax), e polo tanto tamén dun espazo: a ría de Aldán, a illa de San Simón ou Vigo. Alí concorreron tamén os grandes poetas do mar do século XX, Manoel Antonio e Bernardino Graña. Ata alí chegou tamén a presenza do mar na literatura oral e popular. Non faltaron os recitais nin os libros. E tampouco faltou Rosalía de Castro, naturalmente.

Desde o manifesto 'Lieders' ou o folletín La hija del mar, de múltiples e variadas maneiras, o mar ten unha forte presenza na nosa autora. "Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes en el desierto y el pirata en la mar". A marca do corsario byroniano, a marca do mar da liberdade e da loita antiimperialista, será permanente e indeleble. Velaquí un "eu tamén navegar" de 1858, escrito por unha moza de 21 anos. E se en La hija del mar a costa de Muxía nos ofrece unha paisaxe erma e desolada na que navegan e naufragan Teresa e Esperanza, as protagonistas, en Cantares gallegos o mar conforma un elemento esencial do imaxinario paisaxístico elaborado por Rosalía de Castro na súa autoimposta tarefa política de dignificación, sempre en oposición a Castela: unha Galicia verde, húmida, vexetal e de varios mares ("ribeiras apacibres e sereniñas, cabos tempestuosos que aterran e adimiran pola súa xigantesca e xorda cólera"), fronte a unha Castela seca, árida, deserta, privada do mar ("que o mar deixoute olvidada").

Ademais, Rosalía, na liña dos poetas medievais e na de Sarmiento, cuxo Coloquio ela leu e seguiu (aínda non o sepultaran as historias da literatura), apropiouse da Terra de Iria desde as Torres de Hermida en Lestrobe no seu "Como chove miudiño", do mesmo xeito que se apropiara o bieito da despois chamada Ría de Pontevedra desde a Chan da Parafita nas primeiras liñas do seu libro fundacional e despois se apropiarán Pondal de Bergantiños ou Novoneyra do Courel ou Manuel María da Terra Cha. Todos eles, desde Johan de Cangas, baseándose nos topónimos. O caso é que en Rosalía, coma en Sarmiento e Johan de Cangas, non falta o mar, no seu caso o da Ría de Padrón, o do postremeiro Ulla, onde ten lugar a escena náutica da "inchadiña branca vela" dunha dorna que, como unha bolboreta, voa sen casco visible nun mar de millo verde.     

Rosalía tivo tempo aínda para agrandar o seu mar literario en diferentes sentidos. Deixounos tamén gravado un novo imaxinario aparellado dunha nova cartografía política e social que agora era transoceánica: a do mar que leva a América, a da emigración. E entón Rosalía enche de Penélopes a paisaxe épica de Galicia. Esa muller que tece soa a súa tea, que sementa soa o seu nabal. Esa que é tantas mulleres, porque é a amiga de Martín Códax e Mendiño e é as mulleres do Morrazo co Vila de Pitanxo, na súa soidade, na súa amargura, na súa desesperación. E aínda, volvendo a Byron, Rosalía actúa como poeta nacional na oda a Sir John Moore dedicada a María Bertorini, "nativa do País de Gales". E entón o mar da Coruña, que é o do Parrote, pero tamén o da Torre de Breogán, ábrese como ponte cultural e política que nos leva, con Moore e a bisavoa de Cela, ó mar da talasocracia dos países celtas, o de Tristán e Isolda, o de Ponthus e Siodine: "I o mar, o mar, o bravo mar que ruxe / cal ruxe aquel que te arrolou na cuna, / mora onda ti, vén a bicar as pedras / dun chan de amor que con amor te garda, / i arredor teu deixa crece-las rosas…!".

Ide a San Momede e abride a fiestra se queredes ve-lo mar.

Comentarios