Opinión

Do Piueiro á Cadórniga

Unha das máis grandes e fermosas leccións que nos deu nos últimos anos a nación da Cultura Marítima e Fluvial Galega é o Piueiro. Unha lección construída polo pobo mariñeiro da Guarda que, coma tódalas grandes leccións, é un agasallo infinito. Desde o nome. Un pobo que navegou e pescou e afogou do Miño ó cantil da plataforma continental, de Aveiro a Fisterra en volanteiros, e que agora toma espada, atún, quella ou marraxo polo Índico e o Pacífico polo Atlántico azulado do norte e mais do sul. Un pobo que quixo recuperar con orgullo o seu devalar no mundo. Piueiro, a primeira pedra ou pandullo da volanta. Piueiro, a lancha do alto, como din os pobeiros, veciños da alma e das marcas de Varzim. Piueiro, o emblema que desapareceu da Guarda hai máis de cen anos e que agora regresa con todo o futuro intacto. Piueiro, labrado pola man da memoria dun pobo e de Domingos Carrera, deitado sobre o mar e o ler de Camposancos, coma o Constantino Candeira de Manuel Antonio, co distante ouveo amargo dos alí presos e marteirados e mortos no corazón. Piueiro, pioneiro, pioneer do pobo da Guarda e de Galicia, da nación que se vai á vela no mar dos mapas estelares.

Leva o Piueiro alén de todo iso unha carga simbólica engadida, escolleita e non herdada, feita pavillón: na súa vela flamexa a imaxe de Rosalía de Castro e o lema “Eu son libre”. A onde queira que vaia o Piueiro nas súas navegacións, o pobo da Guarda quixo que con el fose Rosalía e as súas ansias de liberdade anosadas desde o “Lieders”. Por iso o Piueiro chegou ó Espolón padronés traguendo no seu ronsel, desde a Guarda, pola ría da Arousa arriba e pola de Padrón, remontando os lombos do Ulla, saudando as Torres de Oeste, “tan soias e mudas”, xuntando en Vilarello con Rosalía por bandeira a frota nunca derrotada e entregándose á maré que enche brañas de Laíño e veigas de Lestrobe ata entregarse a remo ó Sar no corazón da Terra de Iria. 

Na “Inchadiña branca vela”, que é homenaxe do mar e da náutica tradicional a Rosalía, o Piueiro, un máis, pero maxestoso, converteuse tamén no pioneiro das embarcacións tradicionais que tódolos anos lle renden homenaxe á nosa escritora nacional e chegan ó paseo padronés e alí drizan as velas, mentres soa a Marcha do Antigo Reino de Galicia, en homenaxe a Rosalía, feita estatua de pedra sensitiva, desde que Otero Pedrayo o dixese en 1957, e ó pé da cal ofrecen os seus remos. E isto é posible porque o mastro do Piueiro, da altura do dun galeón, pódese abater e así pasar as catro pontes do Sar grazas ó enxeño e á pericia da súa tripulación, homes e mulleres chegados de tódolos mares do mundo.

Trouxo este ano o Piueiro consigo, en travesía de estrea, a gamela guardesa Minxos, de nova obra, recuperada para o patrimonio da Guarda e de Galicia e que leva na vela a imaxe do grande poeta do mar Feliciano Rolán. E viñeron tamén o galeón Adelino Manuel da Arousa, coñecido coma “O Presioso”. Veu o Xoulón, bote de Ribadeo, coa súa afiada estampa. Chegou a buceta Támara do Freixo na ría de Muros. E naturalmente chegou o fiel exército de dornas: a Zenaida e maila Lixeiriña de Cambados, a Maristela de Vilanova, a Fuxe do Grove, a Nerea, a Bandalla, a Mimela e a Montañesa da Arousa. Non faltou tampouco este ano a Rosalía, emblema tamén da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Arousa (como ía faltar!), nin tampouco a Roxiña. Pero ademais da gamela guardesa Minxos, incorporouse por primeira vez á “Inchadiña” unha buceta de Cee, a piques de se perder, e que foi recuperada con entusiasmo, co entusiasmo de tela preparada para a Inchadiña 2021, por Eduardo Rivo, que lle puxo Cadórniga. Construída por Tuíño nas carpinterías de ribeira do Ézaro, ó pé da fervenza e mais do Pindo, e que á súa vez era réplica da construída en 1933 por Bienvenido, de Cee, aquela buceta agora leva no nome as armas das bidueiras de Gomensende postas de remos en nave na mareira. 

Renaceu a buceta do Ézaro e Cee que agora chamamos Cadórniga, renaceu a gamela guardesa á que lle puxemos Minxos e renaceu a lancha do alto ou volanteiro da Guarda que, coa boca chea de salseiros de orgullo, nomeamos Piueiro. Abenzoado sexa todo este rexurdimento do noso patrimonio náutico e abenzoada a travesía que as xunta para chegaren ó pé de Rosalía e renderlle homenaxe a quen, con Sarmiento, nos puxo a rexurdir a todos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios