Opinión

Deber e honra de Baltar

A partir de Un señor elegante, en que Suso de Toro nos agasalla cunha cara fascinante da cultura galega a través da traxectoria de Ramón Baltar Domínguez, deseñou Pepe Barro unha magnífica exposición no Colexio Fonseca: "Deber de Baltar".

Era 1816 e no corazón da vila padronesa, nunha pequena praza ó pé da Rúa Longa que a cruza camiño de Compostela, José Baltar establecía unha farmacia. No día de hoxe alí continúa, co seu vello mapa de Fontán no primeiro andar. Na historia da familia foi clave Ángel Baltar Varela, dos primeiros licenciados en Farmacia, alcalde de Padrón e amigo e protector de Rosalía e de Murguía, que coñeceron e usaron os ricos fondos bibliográficos da familia. Son elocuentes as cartas conservadas e diversos e de calado os fíos e as ideas que o unían coa nosa parella. El foi decisivo en varias das axudas recibidas por Rosalía nos seus anos finais, os da Matanza, e deixou en documentos autógrafos, un deles exhibido na exposición, claves biográficas dos primeiros anos da súa veciña: vivían case porta con porta. Outro elo fundamental na historia da familia foi Ramón Tojo, que continuou esa mesma traxectoria e ampliou a Castelao e Dieste a protección que viña exercendo seu sogro. De aí que a Casa de Rosalía custodie hoxe, grazas ó arquivo Ramón Baltar Feijóo, testemuños moi relevantes referidos tanto a Rosalía, como a Murguía e a Castelao, algúns deles presentes tamén na exposición.

"Deber de Baltar", como é lóxico, céntrase nas figuras de Ramón Baltar Domínguez, de seu irmán Antonio e do pai Ángel Baltar Cortés, outro elo capital polo que pasa a cadea familiar. A xente da Terra de Iria ten os baños nas dúas marxes da Ría de Padrón: a do Carril, á que fora Rosalía na súa derradeira viaxe, e a de Rianxo. O novo Ángel Baltar dá o salto a Tanxil, a ese Rianxo de chalé e peirán ó xeito, de motoveleiro e Guadalupe de Asorei, un Tanxil que navega para sempre nas turbas augas do recordo de varias xeracións. Pero o verdadeiro núcleo significativo está arredor dos seus fillos Ramón e Antonio, un espello extraordinario da Galicia que somos, moitas veces sen sabelo. Eles seguiron a tradición familiar que os vinculaba á medicina cun sentido social e renovador. Pero tamén seguiron o camiño cultural e a inclinación política que estaba nas raíces que herdaron. Viviron naquela verdadeira renacenza anterior a 1936 os mesmos soños e as mesmas esperanzas cós seus amigos Castelao e Dieste e, coma eles, a terrible "Alborada de door" que denunciou o seu familiar Ramón Rey Baltar desde a Arxentina en A gaita a falare. Pero nin a represión nin o exilio respectivos que os dous irmáns padeceron deron apagado nunca aquela lapa lene, aquela candelexa. Documentaba a impagable novela de Suso de Toro e agora faino esta exposición como Ramón participa nos anos corenta na Unión de Intelectuales Libres, como atende no seu hospital a fuxidos, como é polo menos sabedor do intento de matar a Franco, como continúa o centenario labor bibliófilo da familia (de cuxa biblioteca, hoxe no Museo do Pobo Galego, era depositario), como participa no consello asesor do Padroado Rosalía de Castro e é quen de organizar en Rianxo, por esa vía, o funeral por Castelao. Antonio, pola súa banda, practica no exilio a medicina social, funda AGUEA, dirixe Citania e na Galicia de 1957 atopa pechadas, coma Rotbaf Luden, as portas do piñeirismo.

Merece comentario o ex libris de Ramón: o centauro Quirón e outros motivos médicos, o poderoso carballo nacional, a cruz de Santiago, a tipografía galega e unha lancha xeiteira coa súa inequívoca vela de relinga no mar de Urbano Lugrís. E a película de hai cen anos coa travesía de Cesures a Catoira é fascinante. Entre galeóns que soben e baixan con madeira e outras cargas ou navegan distantes con aquelas inchadiñas xigantescas entre a veiga de millo, estamos vendo a mesma terra e o mesmo mar que vira en vida e morte Rosalía.

Velaí a burguesía galega ilustrada, republicana e antifascista que non coñeciamos. Velaí o país honrado que quixemos ser e os seus soños tronzados pola barbarie. Pero tamén a resistencia e a esperanza: o retorno permanente ó rexurdir.     

Comentarios