Opinión

Darío: venceredes vós

Anda o mundo a lembrar os seus setecentos anos sen Dante, que morría ós 56 en Rávena, setembro de 1321. Era o florentino perfecto coetáneo do rei Dinís de Portugal, a quen por certo maltratou no Paradiso. Como escritor andaba Dante de primeiro entre os poetas italianos que manexaba e citaba Sarmiento. A súa Divina Comedia, pasada polo espello deformante e a entroidada que despois teoriza Mikhail Bakhtin, déralle a Curros Enríquez un Divino sainete único co que satirizar con intelixente escarnio todo o edificio reaccionario de Pardo Bazán en Mi romería e de paso cantarlle á Italia do propio Dante e do Galileo, pero sobre todo á do Risorgimento como modelo insurxente para a Galicia daquel tempo.

Falaba Dante de Galicia tanto na Commedia coma na Vida Nova. Así e todo tardou en falar galego. Levoulle tempo aprender, estes case setecentos anos. Pero ó cabo falou e, sen perder migalla, recreándose de xeito extraordinario na lingua daquela Galizia do barone e os peregrini. O mestre que nolo trouxo ó galego fixo súa a dantesca questione della lingua e embarcouse nun proxecto lingüístico e literario monumental, sen par na Galicia contemporánea. Con Dante e na mesma escola puxéronse a falar galego Petrarca, Cavalcanti e os do Dolce Stil Novo. Como se puxeron tamén, desde Guilhem de Peitieu, tódolos trobadores occitanos. 

Lonxe das institucións e subvencións, en solitario fronte á lonza e as múltiples e variadas caras da lonza, un escritor sen estudos de filoloxía, un escritor que se autoedita nas Edicións da Curuxa vai e condúcenos a unha das máis grandes e brillantes vitorias do seu idioma negado, do seu pobo humillado, da súa patria asoballada. 

Venceredes vós, Darío. Venceredes ti e mailo corazón lírico de Italia e Occitania, con tódolos horrores e prodixios, verso a verso, século a século, de poeta en poeta. E o idioma galego, o da nosa clase, lucirá setecentas veces setecentos anos por riba dos finchados, por riba dos escuros e ruíns, por riba dos traidores e baleiros.

Venceredes vós, Darío. Venceredes os que distinguides toxeira de toxal e caxigo de carballo. Venceredes os que dicides vencello, viorto e mollo, os que cavades e inventades regos e pontives: a nosa voz entenden. Venceredes os que estades orgullosos da nosa nación traballadora, cabo a cabo, leira a leira, palabra por palabra.

Venceredes vós, Darío. Os que cantades un canto libre mentres Galicia se esborralla. Que non se esborralla, non, porque se refai, estámola refacendo sempre, estádela refacendo ti e vós, como che dixo Otero Pedrayo diante das masas da Terra de Iria ó pouco de naceres. Ti escoitáchelo en Roás e en Vigo. Sentíchelo nos vales e montañas do teu peito nobre e xeneroso. E ti refixeches a patria e déchesnola moito máis enteira, moito máis grande, moito máis libre.

Venceredes vós, Darío. Os mociños da fronte cultural da Unión do Pobo Galego que en 1970 viñestes á Casa de Rosalía con todo o voso sorriso e con toda a vosa esperanza. Os mociños coma ti e coma Reboiras, que herdastes o medo e o silencio e que agora brincades na memoria coma cabalos ceibos de Buxán ou lavancos de Cospeito dispostos a vos erguerdes ó vento permanente da revolución e do combate. Romperedes as cadeas que nos atan, venceredes.

Venceres vós, Darío. Venceredes ti e maila patria do mar, os metalúrxicos e maila dorna, 1972 e Don García, o cervo na torre da independencia. Venceredes porque tendes da vosa parte a rula e o mascato, San Miguel de Celanova e o dolmen de Dombate, pero tamén un exército invencible de mendiños e cunqueiros, de curros, bouzas, grañas, lamas e sarmentos, de castros e xohanas, de veigas e montes e hoxe tamén cabanas.

Venceredes vós, Darío. Algún día venceredes os humildes, venceredes os que amades a vosa terra con grandeza xenerosa e fecunda.

Vencerá tamén o teu carballo eterno. E hoxe que a súa sombra protectora se estende con toda a dor do mundo sobre a bosta das nosas zocas, sobre o cheiro a argazo dos nosos fuciños e sobor do trono da forxa das nosas orellas, os paxaros deixaron de cantar como cantan desde o principio do mundo e dinnos de ponla en ponla que unha roxa alborada, que semente de mencer, que venceredes vós.

Venceredes vós, meu irmán e meu amigo, meu señor Darío Xohán Cabana, altísimo poeta. Por riba da morte, por riba dos séculos e de tódalas idades, venceredes vós.

Comentarios