Opinión

A estrela

Aberta a campaña “Name Exo Worlds” pola Unión Astronómica Internacional (IAU) para que 112 Estados do mundo puidesen nomear a súa estrela e España, a quen lle tocou a denominada HD 149143, iniciase o procedemento, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío decidiu propoñer o nome de Rosalía de Castro. A proposta, axiña apoiada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e pola Fundación da escritora, foi levada a centros escolares de toda Galicia con cinco paneis explicativos e competiu cunha ducia de nomes, algúns deles tamén literarios. No mesmo procedemento do ano 2015 gañara Cervantes. O caso é que, dos máis de 34 mil votos recollidos en liña, 13.413 foron para Rosalía de Castro, case o 40%, e o martes 17 de decembro de 2019 a IAU fixo públicos nun acto en París os resultados.

Co nome de Rosalía de Castro para a estrela ía o de Río Sar para o exoplaneta coñecido. Ben boa idea a da Agrupación Astronómica Ío, que incorporaba canda o nome da nosa autora, a toponimia menor da súa vida e da súa obra, tan importante na realidade cultural galega. E así como Cervantes foi acompañado de Quixote, Sancho, Dulcinea e Rocinante, Rosalía vaino ser de Río Sar, Laíño, Lestrobe, Conxo, Bastavales ou Iria.

Ben boa idea a da Agrupación Astronómica Ío, que incorporaba canda o nome da nosa autora, a toponimia menor da súa vida e da súa obra

Cóntanos Martin Pawley, ideólogo do luminoso proxecto, que a estrela Rosalía de Castro é unha anana amarela parecida ao noso Sol e que está a 240 anos luz de nós, na zona do ceo que corresponde á constelación de Ofiúco, o Serpentario, próxima á estrela Marfik. Podémola ver, pois, durante moitos meses do ano, e especialmente no verán, con telescopio, pero tamén con prismáticos. Lamentablemente non lle sucede o mesmo á estrela Cervantes, que só pode verse desde latitudes austrais. Iso si, precisamos ceos escuros, sen contaminación luminosa, unha batalla que están dando Ío e outras agrupacións astronómicas.

Ceos escuros e noites negras coma as que viu a propia Rosalía de Castro. Viu e cantou. Se en Cantares gallegos saudaba coa alegría e a esperanza da “Alborada” un novo tempo para as “rapaciñas do lugar” e para Galicia, en Follas novas intérnase a nosa autora, coma Novalis ou Hölderlin, nas sombras e nas tebras máis negras e fondas, á procura da noite que nunca se acaba. Rosalía olla para a nocturna xeografía celeste. Para a lúa, desde logo, pero tamén para as estrelas. E En las orillas del Sar poetiza a nosa autora o inexorable paso do tempo e maila morte. O destino humano é o acabamento. Aurora e crepúsculo, berce e sepulcro, acabarán confundíndose cando “el mundo por siempre haya pasado”. Todo morre e se acaba. Pero a nosa autora eleva ó cósmico esta condición: tamén os astros “hacia su fin caminan”. O máis alá, coa súa gloria, e o tempo infinito son unha ilusión, un invento, unha “inmortal esperanza” propia da celeste venda.

O proxecto para Galicia e para o mundo, que Rosalía de Castro dalgún xeito ilumina, nin se apaga nin palidece

En varias ocasións foi Rosalía quen se vinculou a unha estrela: “Ou ti!, roxa estrela / que din que comigo naciche”. Pero a propósito deste tema a todos nos vén á cabeza o poema de Curros Enríquez, a estrela que o de Celanova, en “noite sin fin”, lle puxo á de Padrón na fronte: “Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar”. O poema de Curros é coetáneo doutro de José Martí no que tamén vemos na fronte unha estrela. O poeta nacional cubano en “Yugo y estrella” do libro Versos libres (1891), explica deste xeito a escolla entre eses dous símbolos que lle ofrece súa nai: “Dame el yugo, oh mi madre, de manera / que puesto en él de pie, luzca en mi frente / mejor la estrella que ilumina y mata”. Morreu Martí poucos anos despois, en 1895, defendendo a independencia de Cuba, defendendo a estrela fronte ó xugo.

Falamos coa Agrupación Astronómica Ío de facermos observacións da estrela Rosalía na propia horta da Matanza no Abride a Fiestra de 2020, se as condicións luminosas do ceo o permiten. Moito máis a longo prazo, no ano 2077, haberá ocasión para celebrar que vemos unha luz especial da estrela Rosalía, a que tiña realmente o astro alá na constelación do Serpentario no tempo en que a escritora naceu, pois que tarda en chegar ó noso planeta, desde que se emite, 240 anos. A nosa inmortal esperanza é a de imaxinar, daquela ou cando for, que o proxecto para Galicia e para o mundo, que Rosalía de Castro dalgún xeito ilumina, nin se apaga nin palidece e brilla con potencia porque está moito máis preto do que o ven os nosos remelados ollos de hoxe.

Comentarios