Opinión

50 anos da CdR

Hai eventos e sucesos na historia contemporánea que tiveron un enorme impacto social, cultural e político no seu tempo e que ademais, en pleno franquismo, foron verdadeiros actos de masas. E varios deles aconteceron arredor da figura de Rosalía. Un foi a inauguración no Espolón padronés da súa estatua na Pascua do 1957. A bandeira galega e a palabra de Otero Pedrayo tremelaron ó vento aquel día ó pé da “pedra sensitiva” e dos rostros da multitude popular da Terra de Iria. O terremoto coñeceu aínda unha réplica de similar ou máis forte sacudida, no mesmo espazo e outra vez con Camilo Agrasar ó fondo, coa coroación no ano seguinte de Cabanillas, agora tamén na voz de Aquilino Iglesia Alvariño: “O seu canto arbora claras bandeiras no mencer”. Non sei se se poden considerar actos de masas as misas. Así e todo, a fasquía antifranquista das celebradas na honra de Rosalía algún 25 de xullo foi evidente. Pero o que volveu ser en Padrón un acto de masas rosaliano en pleno franquismo foi o que se celebrou na apertura da Casa de Rosalía despois da súa rehabilitación, o 15 de xullo de 1971, que tamén tivo a súa réplica na inauguración da casa da Matanza xa como Casa Museo ó ano seguinte.

Era aquela casa da aldea da Matanza, desde que nela morrera Rosalía de Castro o 15 de xullo de 1885, unha casa que viña cargada de simbolismo. Pasara ela alí, con Murguía e os fillos, os tres últimos anos da súa vida. A fotografía familiar, de setembro de 1884, que se lle atribúe a Manuel Palmeiro coas dúbidas de Carlos Castelao, foi realizada na horta desta casa. Era a derradeira de Rosalía. Son estes anos, desde Lestrobe, os anos de En las orillas del Sar. Son tamén anos de graves penurias económicas.

A compra da casa converteuse nun obxectivo moi axiña. E a súa revalorización tamén. Así nolo demostra a placa de 1900 de Bueso Pineda en que recolle o 23 de febreiro como data de nacemento e mesmo as turbadoras fotos de Ruth Matilda Anderson de 1924. Tralos sucesivos fracasos, o obxectivo da compra acabou converténdose nunha cuestión de estado. Si, de estado, aínda que fose o que tiña a Galicia resistente dos anos 40 do pasado século. Así nolo demostra a correspondencia que durante o proceso de compra mantivo Xosé Mosquera, o Vello dos Contos, con Castelao, con Risco, con Otero e tantos outros. A compra fai viable a creación do Patronato Rosalía de Castro en 1947. Arredor da Casa de Rosalía xuntábase todo o campo galeguista, que alí podía respirar e neutralizar un algo o silencio e o terror do réxime franquista.

Pero a casa, aínda que Gómez Román fixo unha intervención en 1951, era inhabitable. Só albergaba, coa horta, os premios do Pedrón de Ouro desde 1964. E foi precisamente na entrega do Pedrón en 1970 a María Victoria Fernández España que as verbas de Rey de Viana, durante o xantar na do Faro, prenderon a mecha que puxo en marcha unha campaña memorable de subscrición popular, en cartos ou mobiliario, para rehabilita-la casa da Matanza e convertela en Casa Museo. A campaña durou un ano, de tal xeito que en xullo do 71 remataron as obras. Era presidente Agustín Sixto Seco e arquitecto responsable das reformas Andrés Fernández Albalat. Filgueira Valverde, “aposentador de sombras”, fora o encargado de dota-la casa de contido. Encheuna cun discurso museolóxico e museográfico propio do rosalianismo histórico no que el se educara (“casa santuario”), agora substituído. Nas súas palabras do 19 de agosto de 1972 invoca no inicio a Quiroga Palacios, recén falecido, e cita a Castelao sen nomealo.

Cando se iniciou a subscrición, pasara Castrelo de Miño, pasara o 68 galego co “Viva Galiza ceibe e socialista”, pero aínda non pasaran as folgas e as mortes do 72. Durante o ano que durou a subscrición emerxeu o que se viña tecendo desde había algunhas décadas: un movemento nacional popular, por riba, por debaixo e por dentro do réxime, arredor da recuperación e a dignificación da Casa de Rosalía. Os concellos, as asociacións culturais, as organizacións profesionais, os xornais, os clubes, as federacións, as unións, os círculos, os centos de centros galegos da diáspora, a multitude diversa de xeito individual e moitas veces anónimo...

 Aquela era a nación. E iso é o que celebramos tamén 50 anos despois. Que Rosalía de Castro é un emblema que nos foi edificando e forxando como nación e que, naturalmente, a súa casa é de todos.

Comentarios